Ano novo, vida nova?

Estreamos un ano, e con el reeditamos vellos propósitos e toda clase de bos desexos. É tan propio do ano novo como a lotería en Nadal: formulamos pequenos ou grandes proxectos de cambio na nosa vida e, de paso, desexos de maior calibre para a sociedade e o mundo. E facémolo por todas as partes, coa incerta esperanza de que a nova cifra do calendario traerá «debaixo do brazo» o cumprimento destes anhelos. E tan veloces van os desexos como volven, con non pouca frecuencia, os desencantos, cando constatamos resignados que duran pouco os nosos ánimos por cambiar e que tampouco parece que os rumbos do mundo vaian corrixirse moito. E é que, quizais non abonde con desexar, nin, desde logo, con esperar que aparezan sen máis as novidades polas que suspiramos.

Desexar tempos mellores ao comezo dun novo ano civil non é mal propósito; está escrito, dalgún modo, no máis profundo do noso corazón. Queremos ser felices, que o sexan todos os demais e tamén que todas as realidades do mundo vaian a mellor,especialmente aquelas máis sangrantes e dolorosas. Pero as verdadeiras transformacións do mundo empezan sempre no interior de cada un: son as persoas novas as que fan un mundo novo. E un bo ano novo. Xa o advertía san Agustín cando, aos que se queixaban do malos que eran os seus tempos dicíalles: «Convirtámonos nós, e mellorarán os tempos. Nós somos os tempos; segundo somos nós, así son os tempos». Resulta doado pedir ao ano que sexa bo, pero máis difícil é pensar que o será, en boa medida, se eu cambio.

A Igrexa, fai xa bastante tempo, propón empezar o ano coa xornada Mundial da Paz,unha ocasión para lembrar que esta segue sendo un ben preciado e necesario para todos os tempos. Na súa mensaxe para este ano, o Papa Francisco invitou á humanidade, baixo o lema «non escravos, senón irmáns», a desterrar do mundo toda escravitude, grande ou pequena, antiga ou nova, e a globalizar os xestos de fraternidade a todos os niveis, empezando polas nosas actitudes cotiás, como «dicir unha palabra, un saúdo, un `bos días’ ou un sorriso, que non nos custan nada, pero que poden dar esperanza, abrir camiños, cambiar a vida dunha persoa». Moi concreto.

Vale a pena preguntarse, pois, se aos nosos desexos para o ano novo e bo estamos dispostos a engadir, co refraneiro popular, unha «vida nova», ou se máis ben resignámonos a empezar o 2015 esperando que algo bo «caia do ceo». Porque, a final de contas, o que tiña que vir do ceo xa o fixo no primeiro Nadal. Deus fíxose carne para introducir no mundo unha novidade, para cada persoa e por iso para a vida de todos. A presenza de Cristo, xa para sempre na nosa historia, si é capaz de realizar os nosos desexos profundos de ben. É capaz, se deixamos que faga primeiro nova a nosa vida. Entón tamén o ano será novo, bo, fraterno e en paz.

Feliz Ano!

David Varela

Rector do Seminario Diocesano

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: