Os intanxibles do Camiño de Santiago

“O Camiño sostense polos seus intanxibles e cando desaparezan os intanxibles acaba o Camiño de Santiago. Por iso, para nós son fundamentais. Por unha banda, o que afecta ás comunidades locais que atenden os peregrinos, a hospitalidade e a súa consecuencia, que é a acollida ao peregrino.

“Por outra banda, o que ten que ver cos propios peregrinos, a súa experiencia de fe. E despois tamén o que está a xurdir e que estamos a recoñecer nestes últimos anos: experiencias de autocoñecemento por parte dos peregrinos, de transformación persoal e de procuras espirituais que ás veces son reconducidas cara á fe que sustenta estes camiños de Santiago ou ás veces directamente cara a un autorecoñecemento espiritual por parte do peregrino”.

Parte da intervención que baixo o título “O Camiño de Santiago e o desenvolvemento local” tivo o xerente da Sociedade de Xestión do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, nas XLIII Xornadas Nacionais de Patrimonio Cultural da Igrexa (Portomarín, 1 de xullo de 2025)

Homenaxe a Jorge López Rodríguez

A Asociación de Amigos Peregrinos do Camiño de Santiago en Lalín impulsou unha homenaxe a Jorge López Rodríguez, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria ata o seu falecemento no ano 2024. Trala realización dun pequeno tramo do Camiño Francés, que estivo amenizado polos gaiteiros de Goián, foron sucedéndose no salón de plenos do Concello unha serie de intervencións en lembranza de Jorge López. Quen non puideron intervir presencialmente, enviaron comunicados. Así, deuse a coñecer o escrito do Círculo Chileno de Amigos do Camiño de Santiago de Compostela:

Os que tivemos o privilexio de compartir con Jorge sabemos que era un home de condicións firmes, tamén de espírito aberto e amable. En cada encontro deixou a súa pegada, en cada xesto sementou amizade. Hoxe lembrámolo con afecto profundo, con gratitude sincera e coa certeza de que o seu nome permanecerá unido ao Camiño e a quen o percorre con fe, humildade e alegría.

O seu legado está vivo nas nosas accións, nas nosas palabras, nas nosas oracións e en cada paso que damos. Desde Chile enviamos á súa familia e aos amigos de Sarria o noso abrazo peregrino e a nosa oración en memoria dun gran servidor peregrino, amigo, cuxa vida, sen dúbida, foi un verdadeiro camiño.

Pola súa parte, Raquel Martín, da Asociación de Amigos do Camiño de Ávila, enviou a seguinte comunicación:

Jorge, acolliches con gran agarimo a todos os que pasamos por Sarria, fixeches que a asociación que representabas se irmanase con outras asociacións amigas. Na retina da nosa asociación queda aquel día de 2018 en que chegamos a Sarria co bordón e irmanámonos convosco. A túa tarefa non só foi organizativa, foi humana, espiritual, profundamente galega e universal á vez. Soubeches ver en cada paso unha historia, en cada bastón unha vontade e en cada chegada unha nova promesa. Hoxe o Camiño chora a túa ausencia, pero tamén o celebra, porque ti, como os grandes de verdade, non te fuches. Segues en cada mouteira, en cada credencial selada con afecto, en cada conversación á tardiña nunha praza de Sarria. Descansa, Jorge, baixo a bendición das estrelas do norte. Seguro que o Apóstolo te recibiu cos brazos abertos, como ti recibiches a tantos peregrinos. Que a senda eterna sexa tan xenerosa contigo, como ti o fuches con todos nós.

 As intervencións presenciais foron da viúva de Jorge, Elvira Vila; de representantes de institucións (o alcalde sarriao Claudio Garrido; a presidenta da Mancomunidade do Camiño, Olga Iglesias; e o director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa), de federacións (o vicepresidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño, Xacobe Pérez; o presidente da Agrupación das Asociacións dos Camiños do Norte, Valeriano Teja Oruña; o presidente de Camiño Francés Federación, Miguel Pérez Cabezas; e o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Juan Guerrero Gil) e de asociacións xacobeas (Daniel Antelo, da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Lalín-Deza; Xosé María García Palmeiro, da Asociación de Escritores e Periodistas do Camiño de Santiago; Hirofumi Matsuoka, da Asociación de Amigos de Shikoku Henro; Manuel Rossi, da Asociación de Uclés), o presidente da Cruz Vermella de Sarria, Jaime Capellá e o periodista Manuel Rodríguez.

A arte de Neira Brochs na igrexa lucense de san Francisco Xabier

O 27 de maio tivo lugar a presentación do número 70 da revista Lvcensia, que publica a Biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo. O primeiro artigo titúlase “A pegada creativa de Neira Brochs na igrexa de san Francisco Xabier. Unha relevante mostra da arte relixiosa contemporánea”. A súa autora, Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, encargouse de falar durante o devandito acto sobre o traballo do artista viveirense no templo de Lugo.

Presentáronse as vidreiras, nos seus diferentes tipos (de formigón, chumbadas) e nas súas distintas colocacións pola igrexa. E por suposto, do protagonista, san Francisco Xabier, navegando cara ao seu destino nas misións. Outras obras de Neira Borhs son os forxados, destacando o que dá entrada ao templo.

Como conclusións, Aurelia Balseiro, sinalou as seguintes:

“A igrexa de San Francisco Xabier é un exemplo de arte sacra contemporánea na segunda metade do século XX cunha arquitectura vangardista para o seu contexto e modernas solucións plásticas.

“A arte sacra de Neira Brochs é unha maxistral creatividade na adaptación da iconografía sacra á estética contemporánea sen perder coherencia, estilo ou personalidade.”

 

 

Importancia do Códice Calixtino

Hai uns anos fíxose unha enquisa sobre os feitos históricos máis importantes relacionados coa cuestión xacobea. E a publicación do Códice Calixtino foi o que tivo máis apoios. Tempo despois escolléronse as 10 mellores obras de literatura, música e investigación xacobea. Pois ben, novamente apareceu en primeiro lugar, por número de votos, o Códice Calixtino.

Valor espiritual

Tamén é máis que suficiente, polo menos para unha comunidade crente, reunida ao redor da liturxia que se recolle no Códice. E polos milagres atribuídos á intercesión do Apóstolo ou unha longa narración do traslado dos seus restos desde o porto de Haifa, en Israel, a Galicia.

Valor histórico

O valor do Códice está vinculado á gran catedral que o alberga. É tamén valioso como unha mostra do xenio de Diego Xelmírez, empeñado en levar a cabo a glorificación do culto católico na súa Igrexa.

Valor cultural

O Calixtino sistematiza a importancia dada a Santiago o Maior, que, integrándose na cultura europea, contribuíu a conter unha cultura expansionista, a islámica.

Para crear e logo copiar un libro tardábanse meses. Os códices dispoñibles na Idade Media eran escasísimos (o normal era que un mosteiro tivese uns 50 libros en propiedade). Esa circunstancia xa dá valor a un códice do século XII.

Ritos finais da Eucaristía

O 18 de maio clausurouse a serie de conferencias que durante o curso 2024-25 organizou a Unión Eucarística Reparadora de Lugo sobre as partes da Eucaristía. Encargouse da última sesión, na Catedral lucense, o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, que titulou a súa intervención “OS RITOS DE CONCLUSIÓN OU RITOS FINAiS DA EUCARISTÍA”. Comezou preguntando polo fundamental para comprender ben a Eucaristía: a asemblea cristiá en comuñón con Cristo.

Mario Vázquez fixo notar que as referencias á Trindade están presentes ao longo de toda a celebración eucarística. Igual que a asemblea reúnese en nome da Trindade, ao final, é enviada a vivir trinitariamente: vivir en comunidade, non á marxe. Confesar a Trindade é confesar o social do cristianismo, que estamos inmersos no misterio da Santisima Trindade.

A %d blogueros les gusta esto: