Begoña Ruíz: “Aprender a amar é cuestión de talento natural e traballo disciplinado e constante”

 

Curso formación matrimonio e familia

A profesora da Fundación Desarrollo y Persona, Begoña Ruíz, será a relatora da terceira xornada do Curso de formación en matrimonio e familia que organizan as dioceses galegas. O tema desta xornada, que se celebrará en Silleda o 24 de maio, será “A vocación ao amor na sociedade actual: retos e respostas”. A continuación, unha entrevista a Begoña Ruíz.

1. No mundo de hoxe, por como evoluciona a sociedade, segue tendo sentido falar de compromiso para toda a vida? A concepción do matrimonio que propón a Igrexa, non está algo trasnoitada?

Xustamente a primeira pregunta é a que vou tratar de responder ao longo da mañá de formación. A resposta á segunda pregunta, en breve, é non. Non é unha proposta trasnoitada porque mentres que o ser humano sexa o que de feito é, a vocación a vivir un amor capaz de desafiar o paso do tempo e as circunstancias da vida é a vivencia que mellor se axusta ao seu valor e dignidade.

2. Realmente pódese educar o amor?

Si, claro. Todas as persoas temos capacidade afectiva e como calquera outra capacidade xa sexa a que se ten para aprender matemáticas, física ou un idioma, o desenvolvela depende do talento natural que se teña de entrada e do traballo concienzudo por converter os talentos naturais en virtude. Nadal ou Messi teñen que traballar moito para converterse en artistas do seu respectivo deporte. Aprender a amar é cuestión de talento natural e traballo disciplinado e constante.

3. Algunha xente ten a opinión de que a Igrexa só se dedicou a reprimir e a impoñer normas sobre o amor e a sexualidade. Que pode aportar a Igrexa sobre este tema?

Moito. A Igrexa sempre dispuxo dun tesouro marabilloso a partir do cal comprender o valor do corpo e a sexualidade, o tesouro chámase “encarnación de Cristo”. Deus fíxose home porque considera digno de si todo o que é humano. A partir de aí a sexualidade non pode ser algo sucio ou malo. Claro que hai normas e prohibicións da mesma forma que as hai para xogar un partido de futbol. As normas son a condición indispensable para pasalo xenial xogando o partido. O mesmo ocorre na sexualidade, as normas son a condición para gozar do ben da sexualidade que non é outro que o amor.

4. Vostede leva anos impartindo cursos de formación e talleres de educación afectivo-sexual en España, América. Como resulta esa experiencia?

Un comentario repetido é “eu vin aquí para saber como responder aos meus fillos ou alumnos e resulta que o curso serviume a nivel persoal e para o meu matrimonio”. Cando atopas xente que fixo o curso e diche que houbo un antes e un despois, sentes a inmensa satisfacción de estar facendo algo que vale a pena.

5. Non teñen xa os mozos suficiente formación e información sobre este tema?

Teñen unha exhaustiva deformación sobre o tema. Moitos mozos están inmersos na auténtica educación na infidelidade que se lles propón a través dos medios de comunicación e o pensamento políticamente correcto, desde os que reciben un constante “protéxete e goza”. Se nos paramos a pensar un pouco, é difícil gozar dunha relación íntima en clave de “ten coidado”. Como pasalo ben se tes medo? Así que desta invitación incongruente quédanse coa parte boa, a de “goza”. As consecuencias son tristes. Porque viven a posibilidade de transmitir a vida como unha maldición cando en realidade é un agasallo marabilloso. E o corazón desgárrase cando a decepción espera á volta dunha relación na que non había coñecemento nin verdadeira implicación.

6.Non é a sexualidade un tema tabú para a Igrexa?

Creo que cada vez menos. Eu non fago máis que falar do tema e isto case sempre nun ambiente eclesial. Penso que a tendencia é a concederlle o valor que ten, a profundar e transmitilo. Queda moito por facer e é verdade que atopas reticencias, pero o certo é que unha vez que se articularon respostas convincentes para as preguntas do home de hoxe, -cousa que creo que está xa feito- o paso seguinte, o de saír á rúa e poñernos a conversar, vaise facer máis pronto que tarde, porque a urxencia é máxima, a verdade.

7. Desde a súa experiencia nestes cursos, cal é o primeiro desafío/problema que se debería atallar?

Non sei… temos que ser capaces de facer oír a nosa voz na opinión pública, no debate político, pero sobre todo lanzarnos a polos nenos e xoves, literalmente converternos en acompañantes que propoñen alternativas de lecer e tempo libre que lles permita vivir relacións de amizade que non estean erotizadas. O reto é unha chamada a ser adultos que acompañen aos máis novos a descubrir a súa vocación ao amor, ensinar a madurar a súa vida interior, facer persoas achegándose a Deus. Sen complexos, con agarimo e convencemento.

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: