O Camiño de Santiago como proxecto de unidade e desenvolvemento humano integral

A segunda sesión do Seminario de Ecoloxía Integral 2025 que organiza o Departamento de Ecoloxía Integral da Conferencia Episcopal Española celebrouse o 29 de setembro.

Da intervención de Victoria Martín da Torre, doutora en Ciencias Sociais e Estudos Europeos, resáltase aquí o seguinte:

O Camiño é unha metáfora da vida, na que tamén imos cara a un destino, compartindo o presente, e é moi importante a compañía que imos atopando ao longo do noso camiñar. Tamén podemos ver como o Camiño segue sendo hoxe unha ferramenta viva na construción da identidade cultural europea. E isto foi así desde a Idade Media, porque foi moito máis que un roteiro de peregrinación. Foi un dos primeiros itinerarios culturais e espirituais de Europa, que unía puntos tan afastados como Alemaña ou Polonia coa tumba do Apóstolo en Compostela.

E do exposto polo director académico da Fundación Pablo VI, José Ramón Amor Pan, recóllese estoutra idea:

Contemplación, compaixón e coidado son tres elementos que deben estar presentes en calquera espiritualidade que queira ser auténtica e que realmente estea ao servizo do desenvolvemento pleno do ser humano. Pois ben, contemplación, compaixón e coidado tamén son tres elementos que. se a peregrinación polas rutas xacobeas é auténtica, teñen que estar no interior de quen está facendo o Camiño de Santiago.

Camiño de Santiago: sustentabilidade e ameazas para o ambiente

Na primeira sesión do Seminario de Ecoloxía Integral (22/09/2025) tratouse o tema do impacto ambiental do turismo relixioso. Fíxoo a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Lucrezia López

A peregrinación a Santiago pode ser unha oportunidade para a sustentabilidade e incentiva a economía local se é equilibrada. Pode fomentar unha acción baseada en valores espirituais, que os peregrinos se consideren comprometidos con respecto á natureza.

O Camiño de Santiago ponnos diante un paradoxo: quen camiña para atopar o sacro, a miúdo deixan tras de si unha pegada que ameaza o natural. O reto é converterse tamén en camiño de conciencia ecolóxica, que cada peregrino entenda que coidar a contorna forma parte da propia experiencia espiritual. O que pode ser unha ameaza (erosión e desgaste dos carreiros, residuos) pasaría a ser unha oportunidade para demostrar que a fe e o respecto pola creación poden camiñar xuntos.

Impacto económico do Camiño de Santiago

O 22 de setembro comezou o Seminario de Ecoloxía Integral 2025, que organiza o Departamento de Ecoloxía Integral da Conferencia Episcopal Española en colaboración coa Fundación Pablo VI e Enlázate pola Xustiza. Esta semana e a seguinte reflexiónase sobre O Camiño de Santiago: un itinerario cultural, natural e espiritual para a construción da identidade europea.

Da primeira intervención, que foi do director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago, Melchor Fernández Fernández, recóllense aquí algúns datos:

Os peregrinos supoñen, no caso de Triacastela o 30% da súa poboación de feito, tendo en conta, claro está, a fixa e a transeúnte. Como se calcula isto? Por cada peregrino que está un día só, necesítanse 365 peregrinos que estean tamén un día para ter un poboador equivalente a unha persoa equivalente aos que residen todo o ano no territorio. Os peregrinos que pasan por Triacastela supoñen exactamente o mesmo que un 30% máis de poboación anual nese territorio. A segunda poboación con maior impacto poboacional é Portomarín, localidade na que os peregrinos representan algo máis do 25% da súa poboación.

En que fan o gasto os peregrinos? O 61,42% do total do seu gasto vaise en servizos de comida e bebida, o 32,21% en servizos de hospedaxe, o 2,64% é gasto en transporte terrestre e o 2,22% en alugar automóbiles; o 1,51% noutros artigos manufacturados.

Os intanxibles do Camiño de Santiago

“O Camiño sostense polos seus intanxibles e cando desaparezan os intanxibles acaba o Camiño de Santiago. Por iso, para nós son fundamentais. Por unha banda, o que afecta ás comunidades locais que atenden os peregrinos, a hospitalidade e a súa consecuencia, que é a acollida ao peregrino.

“Por outra banda, o que ten que ver cos propios peregrinos, a súa experiencia de fe. E despois tamén o que está a xurdir e que estamos a recoñecer nestes últimos anos: experiencias de autocoñecemento por parte dos peregrinos, de transformación persoal e de procuras espirituais que ás veces son reconducidas cara á fe que sustenta estes camiños de Santiago ou ás veces directamente cara a un autorecoñecemento espiritual por parte do peregrino”.

Parte da intervención que baixo o título “O Camiño de Santiago e o desenvolvemento local” tivo o xerente da Sociedade de Xestión do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, nas XLIII Xornadas Nacionais de Patrimonio Cultural da Igrexa (Portomarín, 1 de xullo de 2025)

A %d blogueros les gusta esto: