Caridade e Eucaristía

EucaristíaAsomámonos ao mundo da política e o tema que máis se debate desde fai 4 anos é o das medidas sociais en favor dos desfavorecidos e afectados pola crise. Os partidos políticos da nova era teñen moi claro o de “Stop Desafiuzamentos” e todo o que iso implica.

Na rúa, é moi probable que sempre haxa algunha ONG que che ofreza información sobre os seus proxectos sociais á vez que che pide colaboración económica.

É indiscutible, xa que logo, a sensibilidade que provoca nunha parte da sociedade a outra parte que non ten abondo recursos para vivir nunhas condicións dignas.

Pero coñecemos a verdadeira orixe destes sentimentos de bondade? Pódese explicar todo o mundo da caridade desde a mera filantropía? Se fose así, como se entenden, entón, as guerras con armas entre algúns países, as guerras a base de insultos dos políticos, os ataques terroristas e calquera outro tipo de agresión contra as persoas que enchen as páxinas dos xornais todos os días?

O verdadeiro sentido e orixe da caridade só o atoparemos no que é caridade (amor) absoluto: Deus, que, para ser tal, ten que posuír en grao infinito todas as cousas boas, incluída a capacidade de amar. A nosa capacidade de amar e de facer caridade, xa que logo, é limitada. A de Deus non se esgota nunca. Por iso, se queremos facer caridade auténtica temos que beber da fonte inesgotable de amor que é Deus, que ao crearnos fíxonos tamén participes dela.

Recomendo volver ler a encíclica Deus caritas est de Benedicto XVI.

Damos un paso máis. A orixe da nosa capacidade de amar e compadecernos xa está un pouco máis clara. Pero a finalidade, está clara? Facemos o ben só por un mero sentimento humanitario e porque así nos sentimos mellor? Se un día ninguén no mundo tivese necesidade de material, xa non sería necesario amar-facer caridade?

O Reino de Deus que nos veu a anunciar Xesucristo é un reino de paz e xustiza infinitas, onde ninguén vai pasar ningún tipo de necesidade, porque alí todo será absolutamente perfecto. O cristián, do mesmo xeito que calquera persoa de mundo, desexa vivir nun mundo destas características, por iso trata de adiantar a este momento o que despois será a realidade da vida escatolóxica. A garantía de eternidade que nos ofrece Xesucristo lévanos a vivir xa desde agora nesa clave de caridade permanente, aínda que a nosa condición egoísta, froito do pecado orixinal, lévenos a desviarnos con frecuencia deste camiño de solidariedade.

Xesucristo, o Fillo de Deus, entrégase por amor. E isto é o que celebramos na Eucaristía que alimenta a vida da humanidade. Cando imos a Misa non estamos contemplando unha escenificación dun feito pasado. Celebrar a Eucaristía é enchernos da Palabra e o Corpo de Cristo para que a nosa vida sexa unha vida entregada por amor como a de Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: