Celebrar a San Froilán. Tempo de preparación

S Froilán igrexa de S Froilán

Sabemos ben que o tempo que dedicamos a preparar calquera evento ou proba da nosa vida é fundamental. Sen preparación non hai un bo resultado final. Pasa así tanto cos exames como coas festas, e, de feito, investimos moito máis tempo na preparación que no desenvolvemento do acontecemento en si. Pois o día da festa pasa voando.

O Ano Litúrxico tamén nos ofrece dous grandes tempos de preparación: Advento e Coresma para celebrar o Nadal e a Pascua, as dúas grandes festas dos cristiáns. Pero tamén nos preparamos para outras festas “máis pequenas”.

Por outra banda, os tempos de preparación adoitan ser difíciles e pouco agradecidos. Supoñen esforzo, estrés, incerteza polo resultado, cansazo, etc para ter todo a punto e gozar da festa cos demais.

A festa de San Froilán, patrono de Lugo e da parroquia de Lugo que ten esa advocación, está xa próxima e hai que empezar a prepararse. Hai que recoñecer que se fala moito das festas de San Froilán, pero iso non implica que entre os lucenses haxa moita devoción a este santo que foi paisano noso. É certo que San Froilán naceu en Lugo, pero non foi aquí onde predicou, senón en León, e é alí onde si é un santo querido e venerado.

Aos de cerca e coñecidos sempre é máis doado pedirlles algo cando o necesitamos. San Froilán é de cerca e dos nosos, un lucense. Poñámolo tamén de intercesor das nosas oracións e necesidades. Seguro que algo de recomendación fainos.

Termino o comentario de hoxe recordando a emoción que sentín, cando fai algo máis de ano, bauticei a un Froilán na parroquia.

San Froilán, roga por nós.

 

Miguel Ángel Álvarez

2 comentarios en “Celebrar a San Froilán. Tempo de preparación

Deixa unha resposta a José Manuel Cancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: