«Christus vivit»

«Vive Cristo, esperanza nosa, e El é a máis fermosa mocidade deste mundo. Todo o que El toca vólvese novo, faise novo, énchese de vida. Entón, as primeiras palabras que quero dirixir a cada un dos mozos cristiáns son: El vive e quérete vivo!»

Con estas palabras comeza o papa Francisco a súa última exhortación apostólica dedicada aos mozos e a todo o pobo de Deus.

Pero estas palabras tamén poden servir como un perfecto lema para este tempo de Pascua no que celebramos solemnemente a resurrección de Xesucristo.

Esta é a gran noticia: «Christus vivit». Hai moitos anos que se espera con ansia a noticia da curación do cancro ou da sida, pero fai dous mil anos xa houbo quen trouxo unha noticia aínda mellor: a vitoria sobre a morte. Non hai nada que supere isto.

É certo que ao longo dos anos da nosa historia persoal temos moitas ocasións de asociarnos á paixón de Xesucristo polas enfermidades e sufrimentos de todo tipo que temos que padecer. Pero non é menos certo que tamén estamos chamados a asociarnos a Xesucristo na súa resurrección, aínda que os límites da nosa fe e a nosa intelixencia impidan que o vexamos coa claridade que nos gustaría.

A vida é un valor absoluto. É das poucas realidades das que podemos afirmar isto con rotundidade. Isto non impide que alguén estea disposto a entregar libremente a súa vida para salvar a dos demais, por exemplo unha nai polos seus fillos. Pero en ningún caso, poderemos dispor ou decidir sobre a vida dos demais e, moito menos, contribuír á súa destrución.

O recoñecemento do valor da vida contrasta coa cultura da morte na que se está sumindo Occidente, na que se permiten, xustifican e até lexislan numerosas excepcións a este valor que se cría absoluto. O número de abortos, as vítimas de guerras, os inmigrantes sepultados baixo as augas dos océanos, a aceptación xa bastante xeneralizada, da mal chamada morte digna (eutanasia) e a grave crise demográfica están a pintar un panorama cheo de rostros tristes que parecen preferir a morte á vida.

Todo o proxecto salvífico de Deus para a humanidade resúmese nunha promesa de vida eterna, á que se chega pola resurrección do seu fillo Xesucristo, que vence á morte facendo que triunfe a vida. «Christus vivit», este é o acontecemento central da fe e que dá sentido á nosa vida e que nos enche de esperanza ante a realidade temporal da morte.

«Christus vivit» para tamén nós teñamos «vida e vida en abundancia» (Xn 10, 10b) e «A gloria de Deus consiste en que o home viva, e a vida do home consiste na visión de Deus» (San Ireneo). Trátase de esperar a vida eterna, pero tamén de vivir xa agora. A novidade da vida eterna é dar plenitude á vida temporal que gozamos agora. Pero se agora estamos dominados pola morte, só na eternidade poderá darse plenitude a esta finitude.

Só Xesús «ten palabras de vida eterna» (Xn 6, 68) e só el é capaz de alegrar os nosos corazóns para que vivamos con esperanza e optimismo esta vida temporal que o mesmo Deus nos regalou como anticipo e como preparación para gozar despois dunha vida eternamente feliz.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: