Co corazón

O bico a un enfermo dáse co corazón, contra o corazón apertamos ao fillo que necesita calor e consolo, co corazón damos ánimo ao amigo que acode a nós afundido pola inquietude; os voluntarios dedican o seu tempo aos demais cun sentimento profundo que sae directamente do corazón, e do corazón saen as súas palabras de alento, o seu esforzo e o seu traballo. A man que aperta outra man para transmitir confianza, seguridade, amizade, amor, compañía, é man que move o corazón, como move o corazón a entrega aos demais ou a necesidade de sacar paciencia de onde non a hai.

As cousas importantes fanse co corazón: atender á familia, escoitar aos maiores que necesitan conversación para saír do seu illamento, facer os deberes cos fillos, atopar oco na axenda para atender a un compañeiro de traballo, abrazar a quen anda escaso de abrazos ou preparar unha reunión de amigos aínda que o cansazo infiltrase cada músculo, cada un dos poros da pel. O corazón impulsa a dicir que queres ver a película que quere ver a túa parella, impulsa tamén a renunciar á viaxe que preparabas desde hai anos para sumarse ao que prefire a maioría, como impulsa a non expresar nin unha soa palabra de protesta pola renuncia. O corazón move montañas, fai forte ao débil, elimina obstáculos, bota por terra a frase “o que non pode ser, non pode ser, e ademais é imposible”. Pode ser e é posible.

Crise económica, catástrofes naturais, programas de axuda, leis, normas, medidas contra o paro, prestacións sociais para os máis desfavorecidos. Supérase todo cando se pon corazón.

 

Pilar Cernuda

Deixa un comentario

%d bloggers like this: