Concerto na Catedral do organista Giulio Mercati

O mércores 25 de setembro, ás 20.45 h, a Catedral de Lugo acollerá un concerto do organista italiano, Giulio Mercati. É o primeiro dunha serie de tres concertos que este organista dará entre este ano e o seguinte coa intención de sensibilizar sobre a necesidade de recuperar o órgano da Epístola da catedral lucense. A entrada é libre e gratuíta.

O ano que vén cúmprese o centenario do inicio da construción do órgano da Epístola polo organeiro Frei Manuel Fernández e o artesán local, José Sal.

O órgano da Epístola é un instrumento de gran singularidade, pola súa beleza e capacidades expresivas. O seu complexo sistema de transmisión pneumático tubular, así como a practicamente enteira disposición horizontal dos seus tubos fan deste instrumento un unicum no mundo da organería.

Co paso dos anos este instrumento viu diminuída a súa funcionalidade técnico expresiva e, por iso, imponse a necesidade de recuperalo tanto para o acompañamento musical da liturxia cotiá como para a interpretación de concertos ou recitais.

No ano 2015 unha importante intervención de restauración logrou frear o proceso de degradación do instrumento. No entanto, agora faise necesaria unha restauración completa que devolva o esplendor e as capacidades mermadas que posúe o órgano da Epístola.

Este concerto e os próximos teñen a intención de sensibilizar sobre a necesaria restauración, recuperación e conservación deste órgano e a consecuente procura de fondos para levar a cabo a intervención.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: