Corpus Christi

porta norte catedral

A fachada Norte da nosa Catedral é testemuño vivo, co seu excelente capitel pendurado, do antiquísimo e singular privilexio eucarístico que fai de Lugo A Cidade do Sacramento. Alí móstrase, para a contemplación dos lucenses e de quen nos visitan, con beleza extraordinaria, a Última Cea esculpida. É como un preanuncio no exterior da Catedral, do gran misterio eucarístico que se venera no interior, na Capela Maior. Sen dúbida, e nisto están de acordo os estudosos do tema, que na Eucarística Igrexa Lucense, por unhas razóns concretas que aínda ignoramos, e nun tempo tamén concreto, o culto eucarístico aquí foi especial e a exposición converteuse en permanente. Segundo os nosos insignes sacerdotes diocesanos D. Francisco Vázquez Saco e D. Jaime Delgado Gómez, “na Igrexa Lucense puido iniciarse xa o culto eucarístico fóra da Misa, cara a finais do século XI”. Este argumento defendeuno por primeira vez D. Francisco Váquez Saco a partir dun famoso texto nun diploma da raíña Dona Urraca e que está datado no 21 de xaneiro de 1107 referíndose a que na nosa Catedral “celébrase con magnificencia á Divinidade, por inspiración do mesmo Deus” (Cf. Jaime Delgado Gómez, “La eucaristía en Lugo y en el arte lucense”, Lvcensia 31, 288-289).

Na historia da Igrexa, a festividade do Corpus xorde máis tardíamente. Aparece no século XIII como reacción contra as herexías que negaban a presenza real de Cristo na Eucaristía e pola forte reacción do pobo cristián. É entón cando comeza a práctica da elevación logo da consagración e cando se define, no IV Concilio de Letrán, a fe da Igrexa na presenza real. Con posterioridad, no ano 1264, institúese para toda a Igrexa a festa do Corpus Christi e, pouco despois, Santo Tomé de Aquino compón os famosos himnos eucarísticos: Pange lingua, Tantum ergo, Lauda Sion Salvatorem…; nacía así, a gran tradición eucarística que hoxe perdura en tantos pobos, cidades españolas e en todo o mundo: as alfombras de flores, as procesións, as carrozas, e entre outros obxectos do enxoval eucarístico, as belas custodias, auténticas xoias e obras de arte para expoñer o Santísimo e portar o pan consagrado nas procesións.

Desde o punto de vista do compromiso que emana da fe, desta importante festa, temos que destacar dúas cousas: en primeiro lugar a afirmación explícita de que a fe cristiá debe facerse presente e expresarse tamén nas rúas, é dicir, nos ámbitos por onde circula a existencia humana e se desenvolve a vida cotiá. E, en segundo lugar, a celebración de Cáritas, o día da caridade, porque a fe na Eucaristía, na entrega do Amor Primeiro ata o extremo, debe levar aos cristiáns a vivir esa mesma entrega do Señor e a ser solidarios cos nosos irmáns máis pobres e necesitados. E aquí tocamos un aspecto central do Corpus, que a celebración da Eucaristía con gran recollemento e reverencia e a afirmación da presenza real de Cristo, debe repercutir nas nosas vidas, no noso compromiso pola unidade e traducirse en formas de caridade. Xa san Cipriano preguntaba: Cres que celebras o sacrificio do Señor, ti que non miras para nada a caixa das esmolas, que vés á celebración dominical sen ofrenda, que tomas parte da ofrenda que trae o pobre?

Hoxe, máis que nunca, un mundo famento de pan e xustiza, desencantado, que se cre equivocadamente satisfeito co insulso materialismo, ten necesidade de saber e de saborear o único Pan que pode salvar e que dá a vida: O Corpus Christi.

Mario Vázquez Carballo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: