Día de Defuntos. E os vivos?

Estamos afeitos a que haxa un día para todo. E por iso é lóxico que tamén haxa un día de defuntos. Eles son o noso tesouro, sobre todo cando en vida quixémolos moito, e por iso todo o que podamos facer por eles é pouco, incluso unha vez que xa non están entre nós. Recordámolos, tratamos de seguir os consellos que nos deron en vida e de poñer en práctica todo o que aprendemos deles.
Emocionámonos pensando neles, sobre todo nalgunhas datas claves do ano. E por isto mesmo, tamén pedimos para eles unha vida mellor: a eterna; e pedímoslla ao que só ten “palabras de vida eterna”, Xesucristo, o Fillo de Deus, o único que aínda o pode todo unha vez que morremos!
Dentro duns días celebraremos a festa de todos os Santos e o día dos fieis defuntos. Son dúas celebracións distintas, pero a inmediatez temporal e o contido das mesmas fan que as vivamos como unha única conmemoración. Con todo, isto non é o que máis me enfada.
O primeiro que non entendo explicábao moi ben un cura no blog da súa parroquia fai uns anos: “Este é, diría eu, o primeiro “día do Club” que celebramos na nosa Igrexa Universal. Non, non se preocupen, non me confundín co símil futbolístico, isto é igual que un Barça-Madrid, énchensen as igrexas e os cemiterios, as floristerías agradécennos como lles pagamos as flores que nos triplican o prezo, un bo momento (ás veces o único no ano) para limpar a sepultura dos nosos familiares e se cadra criticar, iso si, sen mala intención, a aqueles que non vemos nas súas, é que “desde logo, mira quedou viúva fai dous meses e xa non lembra ao pobre marido, e dixéronme no barrio que  xa ten outro. Que pouca vergonza”, “e o cura este, encima de mozo..”
Non é necesario dicir nada máis, só desexar que Deus se acorde dos nosos defuntos todos os días e polos séculos dos séculos, porque o que é nós, lembrándoos só un día ao ano, non creo que consigamos nada… !
E o segundo, isto si que xa é moito máis escandaloso, e o que de verdade me irrita. Non entendo que haxa xente que se crea todo isto do Samain, o Hallowen e as almas en pena dentro dunha cabaza e pola muralla de Lugo ou polos camiños e “silveiras” das nosas aldeas.
Pero imos ver… Isto ten algún sentido ou lóxica, ou é razoable?, quen vai querer logo de morto andar como unha pantasma por aí adiante ou reencarnarse en calquera  bicho? Se esta é a sorte dos defuntos, sería moito mellor que logo da morte non houbese nada. Se o noso destino é a vida dun bicho ou dunha pantasma deambulando pola muralla, non creo que teñan moito sentido todos os esforzos que temos que facer na vida para vivir e saír adiante: problemas, traballos, enfermidades, dificultades, sufrimentos… etc. Ademais, outra cousa, e antes de que existise a muralla por onde ían en procesión as almas en pena?. Sería interesante sabelo…
O razoable desde o meu punto de vista, é pensar en que hai un ser omnipotente,
absoluto, infinito, que xa creou todo o que existe. Un ser que, unha vez que terminan os nosos días, logo dunha vida de máis ou menos esforzos, fará posible que podamos seguir existindo dunha forma totalmente plena, e non cunha limitación, aínda maior da que temos agora, como é a dun insecto que anda polo chan, ou dun simple espírito sen corpo que peregrina polas silveiras (ou pola muralla).
Os defuntos, ou están xunto a Deus, ou non están en ningún lado. Iso de que “onde queira que esteas” que lles dicimos moitas veces aos nosos seres queridos, ou o de que “viven no meu recordo”, non me produce ningún consolo. Para os meus defuntos, igual que para min cando morra, quero o mellor sitio, e este é sen dúbida xunto a Deus, o que é perfecto (porque se non non sería Deus). Se os meus defuntos só viven no meu recordo, cando eu e todos os que se lembran deles morran, eles tamén morrerán, e, esta vez sería para sempre… !
Por iso ten todo o sentido acudir a Deus e pedirlle polos nosos defuntos. Pero non é menos certo que somos nós, os que aínda vivimos, os que estamos moito máis necesitados da axuda de Deus. Acudimos en masa o día de defuntos a pedir por eles, a veneralos, e iso está moi ben. Pero, por nós que facemos o resto do ano?

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: