Do pergameo á era dixital

Arquivo

Todas as institucións van xerando documentación ao longo da súa historia. En orixe, esta documentación ten un valor xurídico que se vai perdendo co tempo para adquirir outro valor, o histórico. Son as pegadas do paso da institución pola historia as que nos evitan caer no alzhéimer e poder mirar cara atrás sen nostalxia para ver o treito do camiño feito en común. E así lle pasa, con máis razón, a unha institución bimilenaria como a Igrexa. E a Igrexa local ou diocesana tampouco é allea a estas circunstancias.

Dita documentación, xurídica ou histórica, sempre se conservou como ouro en pano, baste pensar nos papeis vellos que cada un de nós deposita nas súas casas. Ao mesmo tempo, os propios papeis constitúen un arquivo particular e determinado e, por extensión, o lugar onde se conservan -a arca- constitúe o arquivo, adquirindo así unha identidade propia. O paso dos anos fai que se incremente o volume da documentación conservada e, tamén, que se vexa afectada polos factores medio-ambientais. Por iso cómpre tomar as medidas necesarias para conservar os documentos e, en segundo lugar, difundilos.

Deste carácter introspectivo, de coñecer a propia identidade e de responder a preguntas, nace a disposición ao público da documentación para o seu estudo. Canto máis se facilite o seu acceso e o estudo, máis se progresará no coñecemento das propias institucións. Pero o uso da documentación tamén contribúe ao seu propio deterioro e destrución. Deste xeito, neste momento, temos outros medios e outros soportes para facilitar que se acceda á información sen necesidade de tocar os orixinais. Estamos falando dos medios dixitais que nos permiten consultar documentos en liña coma se tivésemos os orixinais entre as mans.

No caso da Igrexa de Lugo temos dous grandes arquivos: o Arquivo Diocesano, estrictamente xerado pola institución diocesana, polo Bispo e a súa Curia; e o Arquivo Central parroquial, que naceu para albergar os arquivos parroquiais nos anos 70 do século XX. A dixitalización -que non é máis que ofrecer a mesma información noutro soporte- dos libros que estamos levando a cabo afecta aos arquivos parroquiais. Neses arquivos consérvase a documentación referida á vida parroquial: desde os rexistros sacramentais (bautismos, confirmacións, matrimonios, defuncións) ata os libros de contas das parroquias ou os libros das confrarías existentes en cada unidade parroquial e abrangue, grosso modo, a documentación xerada desde finais do século XVI ata a actualidade, aínda que a correspondente aos últimos cen anos non está a disposición dos usuarios por motivos de privacidade e protección de datos. Nesta sección están os libros que conteñen os datos para reconstruír ou refacer historias familiares, aínda que non é toda a documentación e por iso é necesario recorrer a outras fontes arquivísticas. Dedúcese, xa que logo, que a orde do arquivo non é a orde que cadaquén queira darlle, senón que o arquivo ten vida propia, e os seus coidadores deben ser os que a descubrirán e os que han de saber guiar.

A Igrexa non ten medo á investigación e ao desenvolvemento da ciencia histórica e quere achegar a súa vida e a súa historia aos homes de boa vontade usando os medios que ten á súa disposición, tamén na era dixital.

Óscar González Murado

Director do Arquivo Diocesano

Deixa un comentario

%d bloggers like this: