Dous volcáns

Na actualidade hai 2 volcáns en erupción simultánea: un xeolóxico, nas paradoxalmente afortunadas Illas Canarias, con dinamismo devastador; e o outro sociolóxico, nas terras galegas, en xenerosa actitude solidaria.

Segundo os xeólogos, o centro da terra é un núcleo incandescente cuxas calorías periodicamente rompen a cortiza terrestre e coas súas erupcións de lava incandescente, devasta cidades; arrasa cultivos e sementa pobreza ao seu paso. Disto dannos constancia a historia do Vesubio, o Etna e a doutros volcáns que levan centos de anos en erupción continua ou interrompida, e nestes intres, o volcán que está a carbonizar a illa de Palma.

Non sabemos o tempo que supervivirá este inesperado contratempo nas Illas Canarias. Isto preocúpanos a todos. Pero non hai mal que por ben non veña, e ao socaire deste devastador volcán palmareño, cobra vida outro volcán sociolóxico: o volcán da fraternidade humana, adormecido nas últimas xeracións. Afortunadamente a erupción do volcán da fraternidade está a recobrar vitalidade nestas circunstancias: os Bancos abren as súas casas aos que perderon as súas; as ONGS prodigan as súas achegas aos que quedaron sen nada; moitos particulares choran cos que choran e comparten o seu pan cos que non teñen que comer…

O volcán da solidariedade levaba moito tempo inactivo, pero o triste evento das Canarias está a ser unha forte sacudida, para poñelo novamente en fraternal erupción. Isto resúltanos gratificante a todos, especialmente aos crentes. O volcán da fraternidade, xa fora inculcado por Xesús no Evanxeo, pero dá a impresión de que os humanos o tiñamos aparcado e substituímolo polo egoísmo e a avaricia persoal; antepoñendo o meu ao noso; o propio ao de todos; o individual ao colectivo… Pois, fagamos memoria e lembremos que Xesús dixo textualmente: “Este é o meu mandamento, que vos amedes uns a outros, como eu vos amei”. O mandato do Señor non se reduciu a bonitas palabras, senón que se sintetizou en eficaces comportamentos: Tiven fame e déstesme para comer…” “Cando, Señor?”. “Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo”.

Deus fíxonos homes, para ter a quen amar, e encarnouse nos humanos para deixarse amar por nós. As oportunidades para realizar o plan de Deus, sáennos diariamente ao camiño, pero hai circunstancias nas cales o amor fraterno cobra especial urxencia. Esta situación está a facerse singularmente urxente con motivo do volcán de Palma. As carencias dos nosos irmáns canarios son voces que berran: “A túa casa debe ser casa para os que quedaron sen fogar, e o teu pan debe ofrecerse xenerosamente aos que non teñen que comer, e o gozo do teu benvivir debe enxugar as bágoas dos que choran, por quedar sen nada na vida…” Isto é poñer en activo o volcán da fraternidade, tantas veces aparcado pola nosa fe adurmiñada. Espertemos, pois, e traballemos para que a ninguén falte o necesario do que Deus deixou no mundo para todos.

Indalecio Gómez, cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: