Enfermidade irreversible?

vivir ben morrer benA principios do ano 2007 unha señora sufriu un grave atropelo. Tivérona que levar a Lugo, onde lle dixeron á familia que non había nada que facer pois xa estaba clinicamente morta… pero a señora curou e volve participar activamente na liturxia dominical e na súa casa segue sendo unha moi boa anfitrioa para os que a visitan.

Cando en febreiro de 1985 se operou meu pai, xunto con el operouse unha persoa á que lle deron como máximo 6 meses de vida debido a un cancro intestinal que padecía. O prognóstico non se cumpriu e o señor xa leva máis de 30 anos rodando por aí e agora como xubilado xubiloso. Non son os únicos casos que coñezo persoalmente.

Tamén é moi significativo o que lle pasou a Stephen Hawking no verán de 1985, cando unha virulenta pneumonía o deixou en coma mentres participaba na escola de verán do CERN en Xenebra. Os médicos suízos déronlle a entender á súa esposa que non había nada que facer e que, se ela lles daba a súa autorización, desconectarían o respirador, que o mantiña vivo, para deixalo morrer coa mínima dor posible. Jane, non obstante, negouse en redondo dicindo: “Desconectar o respirador era impensable. Que final máis ignominioso para unha loita tan heroica pola vida! Que negación de todo polo que tamén loitara! A miña resposta foi rápida: Stephen debe vivir” (Jane Hawking, Hacia el infinito, ed. Lumen).

Se Jane Hawking lle fixera caso ó ditame daqueles médicos, quedaría coma unha persoa que lle procurou unha morte digna a S. Hawking e case todos contentos loando a súa decisión humanitaria (?). Pero porque non se moveu nese esquema, hoxe sabemos certamente que lle tería privado de máis de 30 anos de vida e, tamén, da súa continua contribución á ciencia en favor da humanidade, xunto con outros valores humanos que nos aporta.

Volvendo á pregunta do título o concepto de “enfermidade irreversible”, levado ó extremo fainos concluír que NACER É UNHA ENFERMIDADE IRREVERSIBLE QUE TERMINA COA MORTE, NA NADA. Pero, se cambiamos a perspectiva, podemos afirmar que NACER É UNHA AVENTURA ENTUSIASMANTE QUE CULMINA NA CASA DE DEUS PAI. Entendemos “entusiasmo” no seu sentido etimolóxico de “vivir en Deus”, posuído por Deus.

Entre estas dúas actitudes que se acaban de sinalar, con tódolos matices intermedios que hai ou se poidan elaborar, todos temos inevitablemente que elixir. A elección pode ser consciente, inconsciente, mediocre… loxicamente mellor é que sexa reflexionada, consciente e liberadora. A responsabilidade desta elección é persoal, aínda que vén moi ben a colaboración dos amigos.

Aceptar a vida coma un regalo, camiñar sandados por Xesucristo e sostidos polo Espírito Santo, para logo entrar na vida futura na presenza da Trinidade (Deus Solidariedade) é unha ledicia que para todos quero.

Por outra parte estase a falar moito de MORTE DIGNA, pero a morte non é digna nin indigna, senón que é unha realidade inexorable que a toda persoa lle vai afectar. A dignidade ou indignidade cos matices necesarios está na actitude con que un enfronte a morte, e igualmente na actitude dos que acompañen ou acompañemos ós que teñen e temos que afrontar ese momento.

Antón Negro

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: