Entrevista ao Papa Francisco “Deus está na vida de toda persoa… É necesario fiarse de Deus”

Os medios de comunicación están de festa e non por ser o día do seu patrono. A entrevista feita ao Papa Francisco, e publicada polas revistas dos xesuitas en todo o mundo, deixou unha longa lista de titulares de todo tipo. E como é habitual, as opinións foron máis ou menos acertadas e tamén feitas con mellor ou peor intención.

A estas alturas da película, ao Papa e aos seus colaboradores xa non lles sorprende que as súas palabras sexan malinterpretadas ou mal usadas, buscando intereses que, por outra banda, ninguén comprende.

Como sempre, Francisco falou con liberdade, desde a doutrina da Igrexa (non podía ser doutra forma) e buscando o ben das persoas e da Igrexa.

E entre os numerosos titulares que xera unha entrevista deste tipo e a unha persoa como o Papa, non atopo referencia algunha ás palabras que, persoalmente, máis me gustaron e que considero que moitas persoas no mundo deberían escoitar:

“Deus está na vida de toda persoa. Deus está na vida de cada un. E aínda cando a vida dunha persoa sexa un desastre, aínda que os vicios, a droga ou calquera outra cousa téñana destruída, Deus está na súa vida. Pódese e débese buscar a Deus en toda vida humana. Aínda que a vida dunha persoa sexa terreo cheo de espinas e malas herbas, alberga sempre un espazo en que pode crecer a boa semente. É necesario fiarse de Deus”.

Invito a ler o texto completo. Non é unha entrevista ao uso. A súa lectura é doada e áxil. Non convén quedarse só cos titulares que aparecen nos distintos medios de comunicación. Para ler completa a entrevista e así enriquecernos co testemuño deste home de Deus, déixolles o enlace:

http://www.razonyfe.org/images/stories/Entrevista_al_papa_Francisco.pdf

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: