Escurantismo na Igrexa!!!

En certa ocasión estaban tomando algo uns universitarios que acabaran a carreira e compartían apuntamentos para preparar as oposicións a profesores. Achegouse o colega universitario dun deles e díxolles: “Sabedes unha cousa? Acabo de saber que ‘fulano’ é cristián”.

Aos compañeiros pégalles a risa, pero el engade: “Que si, que vos é certo!”. Daquela os compañeiros dinlle que si é verdade e que ademais na xuntanza aquela había varios cristiáns. Entón bótalles unha ollada aos da xuntanza e dilles: “Vós estades tomándome o pelo. Iso non pode ser verdade…”. Que prexuízos sobre os cristiáns tería o bo deste mozo!…

A verdade é que este universitario non tiña unha aceptable lectura da realidade. Nin sequera parecía ser consciente de que a súa universidade fora fundada por un arcebispo, que estudara na biblioteca del e que agora era a da universidade. Ademais nos seus percorridos polo Reitorado podería terse esnafrado contra a estatua do arcebispo. É posible que fose un fiel seguidor da máxima de que “o que eu non coñezo non existe”. Pero na vida hai moitas máis realidades cás que un coñece.

No IX encontro dos voluntarios das Cáritas galegas en Mondoñedo (4 xuño 2016) Emilio López Salas, no relatorio de formación “O voluntariado de Cáritas. Pegadas de misericordia” faloulles da realidade dos voluntarios das Cáritas españolas, 83.712 en 2015. O dato que quero traer aquí é que o 50 % deses voluntarios ten estudios universitarios. Esta porcentaxe é máis do dobre do que hai na sociedade española. Dato que nos sorprendeu cando se nos dixo e mesmo aos que fixeron a enquisa en 2015. É bo certamente que algúns universitarios sexan agradecidos á sociedade que lles pagou os estudos, e queiran devolverlles algo aos pobres pagadores.

No ano 2016 Jonatan García Rabadán presentou a súa tese de doutoramento, “Participación política y asociacionismo católico: El caso de las asociaciones de fieles en la Diócesis de Bilbao”, na Universidade do País Vasco. Para a súa tese entrevista a 683 membros das asociacións de fieis, que representan o 51 % dos asociados. Na liña do parágrafo anterior atopa que o 60,3 % ten estudos universitarios, dato que triplica o da poboación de Euskadi na que teñen estudos universitarios o 22,8 % da poboación.

Estes datos contrastan totalmente co que unha empresa multimedia de comunicación moi importante de España sostén reiteradamente: que a Fe Católica dáse en persoas ignorantes e incultas. Iso creno moitos que se din modernos, ilustrados e amantes da verdade, pero que son sumamente crédulos con eses medios, sen ver obxectivamente a realidade, nin buscar con liberdade a verdade dos feitos. Simplemente chegaría con ver as universidades católicas que hai polo mundo adiante, incluída España. Mesmo saber os datos mínimos da Academia das Ciencias máis prestixiosa que hai, a da Santa Sé, da que era membro un dos científicos máis mediáticos, Stephen Hawking, do que é fácil atopar fotos cos tres últimos papas. Dela forman parte moitos premios Nobel de Ciencias.

Por outra parte estes datos tamén nos urxen a facernos preguntas os católicos sobre a nosa maneira de vivir a Fe. Pode que sexa demasiado certo o que dicía un profesor universitario: “É máis fácil saber se un profesor ten un/unha amante ca se vai á Misa”. Parece que se está a vivir a Fe en clandestinidade, o que certamente fala de que as nosas sociedades e universidades son pouco libres e abertas nestes campos.

Globalmente é certo que os católicos teñen unha clara preocupación polos pobres, de xeito que se desaparecesen os católicos (por tanto a Igrexa) a nosa sociedade sufriría unha crise bestial, especialmente os máis pobres e marxinados da sociedade. Pero, asumimos que os pobres teñen que ser os protagonistas da súa liberación como ensina a Doutrina Social da Igrexa?. Evanxelizamos en serio aos pobres e desde eles?

Remato traendo á memoria un escritor prestixioso do país, Ramón Mª del Valle-Inclán, que moitos españois leron, pero a inmensa maioría descoñece a súa vinculación con institucións católicas e sindicais, pois foi membro creador e primeiro presidente do Sindicato Agrario Católico Obreiro Santiago o Maior de Pobra do Caramiñal, fundado o 17 de setembro de 1919, e o consiliario era o párroco, Felipe Rivera.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Imaxe: cathopic

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: