Faíscas de trascendencia

Imaxe de San José Mª Díaz Sanjurjo conservada na Casa de Abaixo, Silva. Ao fondo, a escena da decapitación

Cando un nota a faltar a alguén a psiqué humana fai reconstruccións arbitrarias e lóxicas. E é capaz de asociar lugares, situacións, palabras a esa persoa que xa non está. Ese rememorar crea na propia persoa un estado de felicidade asociado a seguridade que o fan ditoso por un intre. Hai uns días un viaxeiro que estivo en Vietnam contábame como nas comunidades de Tun-Kin, onde deu a vida polos seus ideais San José María de Suegos, no século Díaz Sanjurjo, debecían por ter algo tanxible deste bo home. O certo é que as persoas de ben deixan marca nos que lle están cerca e nos que o coñecen verdadeiramente. O mesmo que aqueles aguerridos pescadores de Galilea que conviviron durante tres tempadas e outros homes de ben ó que ti, lector, eres capaz de poñerlle unha faciana. Demóstrase moitas veces que é necesario afianzar a nosa vida sobre o exemplo brindado gratuitamente por estas persoas e ás veces por debilidade necesitamos visitar eses lugares comúns ou mesmo tocar a súa presencia diseminada polo ar ou concentrada nalgún obxeto seu. É algo común a calquera, independentemente do seu credo. Os cristiáns veneramos desta maneira as reliquias que nos remiten a esas persoas de ben que compartiron unha historia marcada polo ideal do nazareno. Por iso no ano 1891, despois de moitas xestións, chegaba ó convento dominico de Ocaña a cabeza de Díaz Sanjurjo, bispo que morrera martirizado o 20 de xullo do ano 1857.

A cabeza era o único resto que fora recuperado do río despois da súa decapitación e nese ano volvía ó convento onde el se preparara para as misións no continente asiático e ata o ano 1936 era o único resto tanxible que nos quedaba del. Cóntanos a crónica da época da gran procesión que se organizou en Ocaña, provincia de Toledo, para a súa recepción. Entre outros atopábase o bispo de Lugo, frei Gregorio María Aguirre, que foi quen presidiu a celebración de recepción da reliquia. Era o 28 de setembro de 1891. A fe das persoas que participaron na celebración seguro que se viu fortalecida polo ambiente festivo e de esperanza pero tamén a fe daquela irmanciña dos pobres, que encamada, administrada dos últimos sacramentos, rezando con devoción ó venerado Díaz Sanjurjo viu as forzas recuperadas e xa estivo pronta para volver á vida cotiá, da mesma maneira contada a fazaña coma a curación da sogra de Pedro.

Non son as reliquias senón a fe depositada polas xentes as que fan que se obre o milagro. A fe que temos nas persoas son  capaces de transformarnos e sobre todo nas persoas de ben. Seguro que houbo máis milagres feitos por intercesión de Díaz Sanjurjo pero do que si estamos seguros é que afincándonos en homes de ben seremos capaces de transformar o mundo e mesmo vencer a incertidume na que estamos inmersos, provocada pola covid-19.

Que San Xosé María, a quen recordamos no mes misioneiro, nos ensine a vencer estas grandes batallas, pequenas co pasar dos anos.

Óscar González Murado

Director do Arquivo Diocesano

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: