Fonte bautismal…camiño da fe!

Cristo é a Fonte da que brota a auga que nos limpa e da que podemos beber, de maneira que cheguemos a identificarnos con ela: «é a mesma e única nitidez a que hai en Cristo e nas nosas almas, pero Cristo é a Fonte de onde nace esta nitidez, e nós témola derivada desa Fonte».

O noso bautismo é un proceso. Hai un momento especial para o seu ritual no seo da Comunidade Cristiá, pero a conciencia da nosa identidade profunda só vai chegando lenta e fondamente. Quizais chegue lentamente porque é demasiado grande para ser asimilado con rapidez, ademais de atoparse coa sequidade do noso interior, tan canso de buscar fóra o que habita dentro.

Cristo é a auga que abre a nosa alma ao Espírito, a auga que limpa o po do noso ollo interior, para que sexamos capaces de comprender, aos poucos, quen somos en verdade. E aínda que é certo que a forza vén de dentro, axuda se buscamos mergullarnos algún tempo nas profundas e cálidas augas do bautismo…

Así, revivir o noso Bautismo, sentíndonos amados/as, consagrados/as, enviados/as para seguir evolucionando na propia comprensión e vivencia desa gran experiencia fundante, que volve e que nos envolve…

Cristo «identifícase» cos pecadores para poder identificarnos con Deus. A través dos Sacramentos, temos que facer o noso proceso para ir identificándonos con Cristo e que noso xeito de vivir manifeste así a potencia do seu Amor.

Os Sacramentos requiren de nós humildade e «saber abaixarnos» para recoñecer a Xesús agochado no signo humilde da auga, do pan e do viño, do aceite, da confesión… igual que «no pequeno» descubrímolo no Nadal.

«Na pequenez, pola fe, atopamos a Cristo e descende sobre nós a Graza do Espírito Santo». El achégase todo o máis profundo de cada un de nós para que vivamos a intimidade de Deus e, coa forza da súa Graza e a potencia do seu Amor, considerémonos chamados a colaborar de forma que o Amor de Deus «feito carne en nós» poida chegar a todos os homes.

Parroquia O Bo Pastor (Lugo)

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: