José Pena Mouriz: A fe non a temos, tennos ela a nós

A fe non a temos como unha posesión, como unha propiedade, como algo estático. A fe tennos ela a nós: dános unha maneira de ser, de actuar, de sufrir, de amar e de esperar. É un don de Deus, para a acción: para a realización do proxecto existencial que somos.

A fe é como unha espiral en crecida, como unha semente; se non se coida, morre. Ten un sentido dinámico, e o movemento demóstrase andando. Alguén nos interpela e axúdanos a camiñar e a superar as nosas limitacións. Non ten un sentido estático como os que din que teñen fe, pero que non practican. Son ateos prácticos, pois non teñen trato con Deus, que é a maneira de coñecer de primeira man a unha persoa e de amala. É coma se dixesen: á miña esposa quéroa moitísimo, pero hai tempo que non o trato. Considéranse os únicos artistas de si mesmos, sen Deus.

Non falar de Deus desde opinións persoais e ideoloxías: na fe estamos inmersos, as opinións e ideoloxías témolas, son algo pasaxeiro. A grandeza do home vénlle de Deus, non del. «Quen a Deus ten, nada lle falta» (Santa Teresa). A fe non é comprender, senón deixarse amar: baleirarnos de nós mesmos. Non nos perdamos en saber o que, senón deixarse iluminar polo quen. Pilatos preguntoulle a Xesús: «Que é a verdade? Xesús non lle contestou; non o comprendería. Se lle preguntase: Quen é a verdade?, contestaríalle: Eu son a Verdade.

Por que uns teñen fe, e outros, non? Por que uns viven a fe, e outros non practican o que cren?, Como conxugar liberdade e graza? A resposta dánola Santo Tomé de Aquino, ao afirmar: «A humildade é a porta do don». Hai que baleirarse, para facer sitio a Deus. Cada un recibe segundo a súa dispoñibilidade.

Deixarse amar, máis que amar. Pois só os amados aman. Todos somos necesitados e vulnerables ao amor. Incluso o mesmo Xesús fíxose esmoleiro do noso amor: «Estou á porta chamando; se algún me ouve e ábreme, entrarei e cearemos xuntos». («Unha cea que recrea e namora», di San Juan de la Cruz). A santidade consiste en deixarse amar por El, e en corresponder ao seu amor.

Facer sitio a Deus nas nosas vidas. Pois somos o que Deus queira ser en nós, e o que nós lle deixemos, e temos o que nos dea Deus. Deus, Artista divino, fainos ao seu gusto, segundo o seu estilo de amor; introdúcenos no seu proxecto divino: no contexto dun gran amor. «Todo é graza», termina dicindo a Biblia.

A fe dá sentido á nosa existencia: coa fe en Xesús, a vida é toda ela en cor; sen ela, todo é en branco e negro.

Anuncia a igualdade e a unidade: foi o testamento de Xesús. A Lei humana di que «todos somos iguais ante a Lei». Si, pero a equidade non é doada, porque afloran os subxectivismos, os `intereses creados’ e o vaivén do ‘dixen-digo, digo-diego’. A xurisprudencia non é infalible. Só en Deus non existe a acepción de persoas; en tal caso hai preferencias para os pequenos e para os que sofren, pero non son excluíntes: a Lei do Evanxeo é o amor universal. «O máis excelente é o amor» (I Cor 13). Xesús segue tomando rostro humano nos nosos irmáns; hai que descubrilo.

Dá sentido transcendente á dor e ao sufrimento: a Virxe dános a gran lección: ante o drama do Calvario, diría: «Se Deus o permite podendo evitalo, por algo será». Ese algo era nada menos que a Redención do mundo. Cos nosos sufrimentos tamén contribuímos á redención do mundo e á nosa santificación.

Dinos que a vida non é unha paréntese entre dúas nadas absolutas, e oriéntanos cara ao noso destino; porque sen fe somos como un barco á deriva, para o que nunca hai bo porto, pois non sabe onde vai. O alén debe reflectirse no aquén. Dá sentido á realización do proxecto existencial que somos.

Que as condutas individuais, reprochables, non sexan pretexto para os que «non practican»; porque os que realizan esas accións son Igrexa, pero non son a Igrexa, Sacramento de salvación universal, Corpo Místico, cuxa Cabeza é Cristo.

A palabra fe, etimoloxicamente, vén do verbo latino fido = fiarse. Fiémonos da Palabra de Deus. Deus fíxose Palabra: «e a Palabra era Deus», di o apóstolo Xoán. Porque a Deus, na súa realidade plena, ninguén o viu. É preciso morrer ás limitacións temporais, para entrar na gloria de Deus e poder verlle «cara a cara», tal cal é (I Cor 13). Como vemos, razón e fe compleméntanse e reclámanse mutuamente na procura da verdade: proceden por métodos e camiños distintos, pero converxentes.

José Pena Mouriz

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: