Vídeo de Cáritas “Como na casa, en ningures”

Cáritas Diocesana de Lugo presenta o documental Maiores no rural. Como na casa, en ningures con testemuños de varias persoas da Montaña lucense que apostaron por seguir vivindo no seu lugar habitual a pesar de que viven soas a maior parte do ano ou de que viven nalgunhas aldeas con moi pouca poboación. Gloria, Arsenio, Marisa, Jesús e máis persoas maiores que residen no rural quixeron compartir con todos as súas vivencias, os seus medos, a súa vitalidade, a súa sabedoría e as súas alegrías.

[Ver vídeo]

Evento que une a promoción do viño co patrimonio eclesiástico

Tras o éxito da cata de viños organizada o ano pasado no claustro da Catedral de Lugo esta semana acolle un dos actos que veñen programándose baixo o nome “Lucus In Vino Veritas”.

O sábado 3 de outubro EnVinissi organiza unha presentación de viños e comidas. Empresas do sector vinícola, con representación de adegas de toda a península ibérica con especial importancia das do territorio galego e con vinculación ás vías romanas, presentarán os seus caldos.

Os postos das adegas que participan abren ao público o 3 de outubro de 11 a 15 e de 18 a 22 horas.

Ás 11 h haberá un concurso de cata por grupos con Juanjo Treus.

A Asociación Provincial Cociñeiros Lugo ofrecerá unha zona gastro onde todos os asistentes poderán gozar dunha selección de tapas de 12.30 hs a 14 hs e de 20 hs a 21 hs.

Ás 13.00 hs Bruno Pena Oca Praia de Foz Hotel & Spa e David Rodríguez de Rinlo “A Mirandilla” prepararán un guiso de cristas de galo celta. E ás 19 hs Santi Almuiña (Mesón Colón) e Alejandro Méndez (Arrocería Os Cachivaches) presentarán unha selección de distintos peixes en salgadura.

A entrada será polo adro da Catedral. O acceso, con cabida limitada e con medidas sanitarias.

Homenaxe ao sacerdote Xosé Espiño Matos

Con motivo do Día do Libro, o Concello de Silleda, a iniciativa da Fundación Baiuca Verdescente, organiza unha homenaxe ao sacerdote Xosé Espiño Matos. A homenaxe consiste na entrega a Xosé Espiño dun libro dedicado por Fernando Ónega. Tamén participan familiares do sacerdote, representantes de Baiuca Verdescente e o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña. Trátase dun evento virtual por videochamada ás 11 horas do día 23.

Xosé Espiño Matos naceu en 1926 en Abades e foi ordenado sacerdote en 1950 por Mons. Rafael Balanzá.

Actualmente xubilado, desde 1952 levou a Parroquia de San Tirso de Manduas (Bandeira) e encargose da Capela das Ermitas. E desde 1993 foi administrador parroquial de San Martiño de Rellas. En 1970 e 1974 foi Arcipreste de Trasdeza e nos anos 1980, 1990, Tenente Arcipreste da devandita zona pastoral. Tamén nos anos 1980 formou parte do V Consello Presbiteral Diocesano. Ademais, foi asesor relixioso do Colexio de EXB de Bandeira e formou musicalmente a moitos fregueses.

Recolleu contos e participou na obra El camino a Santiago por el sudeste Ourense-Santiago de Compostela.

É autor do libro Cristóbal de Colón. Quinto almirante da Casa de Soutomaior. Parente dos Deza, Mendoza, Lemos e outras casas nobres. Natural de Pontevedra. Descubridor de América. [Ver recensión]

Cáritas alerta de que estafadores intentan conseguir datos persoais

Cáritas Diocesana de Lugo detectou unha estafa consistente en que persoas que son atendidas na Diocese están a recibir unha mensaxe por WhatsApp co logotipo da organización caritativa. Na mensaxe di que se poden recibir axudas de 1000 euros notificando o número de conta.

Non se lle pode dar á ligazón nin compartir a mensaxe.

En Cáritas Diocesana de Lugo NUNCA piden información persoal e sensible por WhatsApp nin por ningunha outra rede social.

Ante calquera dúbida, consultar as canles habilitadas para ese efecto tanto na páxina web da Cáritas Diocesanas como na web de Cáritas Española, ou a través dos servizos de atención telefónica da Cáritas máis próxima.

Día da Xustiza Social

O vindeiro mércores 19 de febreiro a Rede de Técnicos de Inserción Laboral de Lugo (da que forma parte Cáritas), celebra o Día Mundial pola Xustiza Social cun acto reivindicativo no Vello Cárcere de Lugo.

Haberá unha charla coloquio contando con representantes do ámbito educativo, da administración e do terceiro sector.

Será un acto aberto á participación do público, no que se compartirán puntos de vista, opinións e ideas sobre como avanzar cara á Xustiza Social e o emprego digno. O programa é o seguinte:

  • Ás 18:30 h Apertura do acto a cargo de Montse Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo e Mauricio Repetto, Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Lugo.
  • Ás 18:45 h Relatorio do director técnico da Rede Galega Contra a Pobreza, Xosé Cuns. O título é “Defender a Xustiza Social, combatindo mentiras e prexuízos, xunto ás persoas en pobreza e exclusión“
  • Ás 20:15 h Lectura do manifesto “Xustiza Social e Emprego“ Rede de Técnicos de Inserción Laboral
A %d blogueros les gusta esto: