Xornada Mundial dos Avós e Persoas Maiores

O vindeiro 26 de xullo celebrarase por primeira vez a Xornada Mundial dos Avós e Persoas Maiores. O tema escollido polo Papa é: “Eu estou convosco tódolos días”, expresando así a proximidade do Señor e da Igrexa na vida de cada persoa maior, especialmente neste difícil momento de pandemia.

O lema é tamén unha promesa de proximidade e esperanza que mozos e maiores poden expresarse mutuamente. De feito, non só os netos e os mozos están chamados a estar presentes na vida das persoas maiores, senón que os maiores e os avós teñen tamén unha misión de evanxelización, de anuncio, de oración e de guía dos mozos á fe.

[Materiais para a celebración]

Sentimos morrer e revivir a nosa sociedade

Amoréansenos toda unha serie de sentimentos no corazón ante o «caos» no que vivimos, que ás veces non somos nin conscientes de que xa comezou novembro. Onde están o resto de meses? Parecería que se esfumaron do calendario. Pero mentres viviamos encerrados nas nosas casas as horas máis cheas de promesas e bos desexos do mundo (iamos cambiar, dicían), os días seguían transcorrendo coa mesma celeridade de sempre.

Impresionoume hoxe cando me comentaban dun artigo dun xornal italiano que trataba daqueles mozos do 68 que saían á rúa a reivindicar un cambio. Xa era inasuimble para aqueles mozos seguir aceptando un estilo de vida, un conxunto de normas que non podían definilos nin atrapalos. Reivindicaban unha «liberdade». E é curioso -que voltas dá a vida!- que aqueles mozos que clamaban por saír e por non vivir atados a nada, sexan agora quen forman parte do grupo de risco da nosa sociedade. É lóxico, xa que os anos pasan.

Hoxe en clase os meus alumnos encerelláronse nun debate sobre a posibilidade de quen debería vivir nun hospital cando só pode atender a un dos dous casos: unha persoa nova ou unha xa maior. É doado adiviñar por quen se decantaba todo o mundo. Pero o seu docente aínda lle deu outra volta á pregunta: que a persoa nova, sen sabelo previamente á decisión, puidese morrer uns meses despois e que o maior fose o seu avó (o dos alumnos, claro). O única conclusión que saquei é que cando falei da dignidade non quedou tan claro o concepto.

Moita xente morreu de coronavirus. E a cifra non permanece estática, senón que, de día en día, vemos como continúan morrendo tantas persoas cunha historia e un rostro que vai máis aló dun simple número. Porque reducir a vida das persoas a cifras lémbranos máis aos terribles episodios do pasado onde tantos xenocidas chegaron ao poder. Aí, as persoas eran un cero á esquerda. Non podemos repetir o desprezo que aqueles fixeron. Detrás de cada número no rexistro de falecidos hai unha familia que chora a quen xa non está con eles.

Os meus alumnos debateron sobre a morte dunha persoa sen ter claro que todos e cada un dos seres humanos deste planeta teñen unha dignidade que debe ser sempre protexida. O coronavirus puxo sobre a mesa -de novo- o debate actual de se debemos salvar ou non aos maiores. E no medio da pandemia escoitabamos atónitos como avanzaban na cámara parlamentaria os trámites para a lei da eutanasia. E si, aqueles mozos do 68 son agora ese grupo de risco que se atopa na difícil perspectiva de serlles negada a axuda para salvarse se os medios son limitados e hai que elixir. Que non teñen por que ser eles, é obvio, do mesmo xeito que se pode dar o caso de que non se teña que volver decidir.

Entón pediron liberdade. Agora poderían volver quitarlla. Vemos morrer a nosa sociedade ante unha decisión que descarta xente, que compara vidas, que nega memorias e historias, que non fala o idioma da dignidade. E verémola revivir cando non se cuestione un don tan grande como o feito de seguir arrincando follas do calendario coa mesma liberdade durante toda a existencia da persoa. Porque aínda que pasen os meses ou os anos, todos temos o mesmo dereito a vivir.

Que caos! E o noso corazón, mentres, pendente do cambio constante das normativas, sacudido pola incerteza, angustiado pola economía, a distancia dos seus próximos, afogado ás veces na súa soidade… Se sobrevivimos á pandemia, quedarannos aínda moitas materias pendentes.

Nicolás Susena

Delegado de Pastoral Familiar

[Texto orixinal]

Vídeo de Cáritas “Como na casa, en ningures”

Cáritas Diocesana de Lugo presenta o documental Maiores no rural. Como na casa, en ningures con testemuños de varias persoas da Montaña lucense que apostaron por seguir vivindo no seu lugar habitual a pesar de que viven soas a maior parte do ano ou de que viven nalgunhas aldeas con moi pouca poboación. Gloria, Arsenio, Marisa, Jesús e máis persoas maiores que residen no rural quixeron compartir con todos as súas vivencias, os seus medos, a súa vitalidade, a súa sabedoría e as súas alegrías.

[Ver vídeo]

Grazas, avós!

Os avós son os bos da película. Moitas veces viven co desexo de querer dar aos seus netos aquilo que non puideron darlle aos seus fillos. A bondade é connatural ao seu novo rol. Unha verdadeira entrega que non entende de tempo, nin de lugar. Entrega e bondade, os seus dous mellores aliados.

Son bicos, aloumiños, tenrura. Son os brazos onde chorar cando un está triste, os pallasos da festa -se cadra- ou os mellores compañeiros de aventuras. Son animadores deportivos, os fans número un do teu club, uns óptimos creadores de historias, os perfectos cómplices nas falcatruadas e os compañeiros ideais para o estudo.

Aínda que só tivesen un emprego, de súpeto vólvense polifacéticos. Son profesores, xardineiros, cociñeiros, enfermeiros, fontaneiros, electricistas, enxeñeiros, arquitectos… e todo o que os seus netos necesiten.

O seu reloxo excede as 24 horas. A súa semana parece que ten máis de sete días. A súa vida multiplícase con cada sorriso.

Non len a mente, pero saben o que pensas. Non saben hipnotizar, pero durmirse no seu colo é case automático. Quizais non son moi tecnolóxicos, pero o seu teléfono está sempre dispoñible para ti. Aínda que che invadan as présas, cando estás con eles parece que o mundo se detén. Non farán as cousas con moita rapidez, pero saben os mellores trucos para que salga perfecto.

Encántalles dicir que eles molestan, estorban… Pero non é verdade. Sen eles nada é igual.

Son os teus superheroes, os teus mellores amigos, os teus espectadores máis entregados, o teu apoio incondicional, os teus abrazos no inverno e a túa crema de sol no verán.

E cando es neto só desexas: «oxalá, algún día, sexa como el/ela».

E cando miras aos teus pais só pensas: «Que sorte tiveron e canto aprenderon dos mellores profesores!».

Por iso, durante esta pandemia redescubrimos este gran agasallo que temos e tratamos de coidalos como nunca. E un desexo cara a Deus resoa sempre con forza nos nosos corazóns: que os avós sexan eternos, por favor.

Onte, día de Santa Ana e San Xoaquín, os pais da Virxe e os avós de Xesús, celebramos aos patróns dos nosos maiores. Agradezamos ao Señor por eles, os nosos avós, e con renovado empeño coidemos de todos eles. Grazas, Xesús, polos avós!

Nicolás Susena Presas

Director do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo

e párroco de Castroverde

[Artículo en castellano]

Programa “Envellecemento activo”

O mércores 15 de xullo e o mércores 22 de xullo de 10 a 12 h na parroquia San Francisco Xavier (Lugo) terá lugar o programa Envellecemento activo. Trátase de crecer persoalmente, facer fronte á soidade, vivindo experiencias de desenvolvemento da creatividade, de maxia, de autocoidado.

O traballo realizarase a través de procesos de encontros persoais e experienciais, con actividades en clave de psicoloxía positiva.

  • Coaching personalizado
  • Talleres de desenvolvemento de memoria afectiva e narración autobiográfica positiva
  • Acompañamento no desenvolvemento da creatividade e a imaxinación a través da maxia
  • Desenvolvemento de intelixencia interpersoal (a través do contacto con iguais e con outras xeracións).
  • Autocoidado persoal e alimenticio.

Obxectivos

  • Volver mirarse como alguén valioso, con capacidades, sendo quen de narrar a vida en clave positiva.
  • Promover a activación cognitiva e biográfica a través de sesións personalizadas de coaching, grupos de axuda.
  • Desenvolver a creatividade a través de talleres de maxia.
  • Estimular o autocuidado a través de talleres de alimentación sa.
  • Mellorar a intelixencia afectiva interpersoal mediante grupos de iguais.

Quen poden participar?

  • Persoas maiores de 65 anos, preferentemente en situación de soidade (física ou emocional) residentes en Galicia.
  • Mulleres maiores de 65 anos, sen cobertura familiar ou con pouco tecido de relacións sociais (viúvas, inmigrantes, retornadas, etc.) residentes en Galicia.
  • Maiores atendidos en Cáritas, Cruz Vermella, centros de maiores privados ou públicos ou maiores en situación de vulnerabilidade especial residentes en Galicia.

Para máis información e inscribirse, chamar ao 988 37 46 46 de luns a venres: 9:00 – 13:30 e 16:30 – 20:00

Ou no correo electrónico: contacto@cafourense.es

Organizan o Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo, o Centro de Acompañamento Familiar Edith Stein e o Instituto da Familia de Ourense, en colaboración con Equipos de Nosa Señora de Galicia e a Parroquia San Francisco Xavier (Lugo).

[Vídeo explicativo]

A %d blogueros les gusta esto: