9 de maio, Día da Transrománica

Lugo forma parte da Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa. E desde hai 4 anos celébrase o Día da Transrománica, que este ano é o xoves 9 de maio. Ás 11.00 horas organízase unha visita á Catedral de Lugo e á parte medieval da urbe. Ás 18.00 será a presentación da guía Lugo Románico: Lugo, Terra Chá, A Mariña no claustro da Catedral, trala acollida por parte do deán José Mario Vázquez Carballo. No acto intervirá o presidente da Deputación, José Tomé Roca.

A Deputación informa da dispoñibilidade de praza en varios teléfonos: para a actividade matutina chamar ao teléfono 982.260.234, e para o acto vespertino chamar ao 982.260.134

Investigacións sobre a Catedral de Lugo nun Congreso na Universidade Complutense de Madrid

O 15 de abril presentáronse no Salón de Actos da Universidade Complutense de Madrid dúas investigacións inéditas sobre a Catedral de Lugo.

Dentro do Congreso Internacional “Usos e Costumes nas Catedrais Hispanas até 1700” presentouse unha investigación sobre a evolución do culto á Nosa Señora dos Ollos Grandes durante a Idade Moderna, realizada por José Antonio Ferreiro Varela e Jesús Salvador López (na imaxe). Por outra banda tamén se presentou unha investigación sobre os enterros dos Bispos na Catedral de Lugo, realizada por Marcos G. Calles Lombao.

O congreso celebrarase até o vindeiro 17 de abril e supón un punto de encontro de investigadores vinculados ás catedrais de España.

Estes traballos sairán publicados nunhas actas proximamente.

Fonte: facebook.com/catedrallugo

Pregón de Nadal

O 20 de decembro tivo lugar o pregón de Nadal no salón de actos de Afundación en Lugo a cargo da directora da Biblioteca Pública Mª Isabel Pérez Fórneas, que comezou dicindo que para preparalo esculcou pola lexislación e atopouse cun recente Real Decreto que declara o belenismo como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.

A continuación comentou as  bases da cultura europea, que segundo Paul Valéry é filla de tres civilizacións: Atenas, Roma e Xerusalén. Para o gran poeta francés “é o mesmo dicir civilización europea que civilización cristiá (…) A expresión «civilización cristiá» indica que o ánimo de Europa foi permeado polo cristianismo, e que todas as accións dos europeos, as boas e as menos boas, son comprensibles só con referencia á revolución cristiá (…) o cristianismo falará, máis aló e fronte ao hebraísmo, dun «Deus feito home»”.

Noutro intre a pregoeira sintetizou a historia dos belens desde S. Francisco de Asís.

Isabel Pérez Fórneas tamén lembrou “Un conto do Nadal -verídico- sobre a utili-dade do latín en tempo de trincheiras” fío publicado hai un ano por Irene Vallejo en X (twitter) sobre a tregua de Noiteboa de 1914 (Primeira Guerra Mundial) porque o sucedido expresaba o que debe ser o espírito do Nadal.

Finalizou cunha invitación a visitar destacados beléns de Galicia.

Este acto, que estaba organizada pola Asociación de Belenistas de Lugo, concluíu coa interpretación de panxoliñas a cargo do Orfeón Xoán Montes.

Cáritas organiza un curso para obter o permiso de conducir

O Programa de Emprego de Cáritas organiza un Curso de Obtención do Permiso de Conducir tipo B. Persoas desempregadas poderán acceder a traballos de repartidor, comercial, condutor profesional.

A formación está destinada a adquirir as competencias necesarias para presentarse aos exames teórico e práctico do carné de conducir tipo B. Esta formación teórica, de 60 horas, está facéndose desde o día 1 no Centro de Servizos de Cáritas da avenida das Américas, 93-97 (Lugo).

Unha vez aprobado o exame teórico terá lugar a formación práctica entre os días 22 de setembro e 29 de decembro, con horario variable.

Campamento Urbano XXIX organizado por Cáritas

O Programa de Atención á Infancia de Cáritas, coordinado por Ana María Veiga González, organizou durante as dúas primeiras semanas de xullo o Campamento Urbano XXIX, no  que participaron 30 nenos de idades comprendidas entre 8 e 14 anos.

Este ano o centro de interese foi: “Exploradores arredor do mundo”, no que se pretendeu concienciar aos nenos sobre os problemas ambientais e as posibles solucións.

Da man das exploradoras, Anastasia e Filiberta “percorreron” distintas partes do mundo e tratáronse temas como as enerxías renovables, a diversidade da flora e fauna, contaminación, desxeo e quecemento global, consumismo e deforestación.

Realizáronse actividades como obradoiros (decoupage, coches, herbolario, polos…), xogos (orientación, concurso enerxético, xogo da reciclaxe, xogo da contaminación, lingua de signos), excursións e visitas (visita á Granxa de Xanceda, praia de Area – Viveiro, piscina municipal, Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo)

A realización deste Campamento Urbano foi posible grazas ao traballo realizado polo equipo de 10 monitores voluntarios do Programa de Atención á Infancia, implicados cada ano para que o Campamento sexa todo un éxito.

A %d blogueros les gusta esto: