Luz física e “luz” que dá sentido ás nosas vidas

A todos gústanos o sol, os días claros e cálidos. O sol é fonte de vida e anima os nosos días. Por isto e pola súa maxestuosidade, o mundo pagano daba culto ao sol. Pero aínda así, o sol, non é capaz de dar sentido a toda a existencia dos humanos, pois a súa luz, por exemplo, non alcanza a iluminar as sombras da morte.

Necesitamos atopar o verdadeiro “sol”, a Xesucristo. Os seus raios dan vida, vida abundante, vida eterna. Recórdanolo o Papa Francisco no número un da encíclica Lumen Fidei. O sol astro do ceo un día apagarase. O “sol” Xesucristo, brilla polos séculos dos séculos, ilumina os nosos pasos, para que vivamos xa desde agora a novidade do ceo, que transcende á mesma grandeza de todo o creado.

Alguén que iluminou a súa vida coa luz do “sol” que nace do alto foi o noso paisano e patrono San Froilán, do que levamos unha semana celebrando a súa festa. É unha pena que alguén que durante estes días foi tan nomeado sexa, á vez, tan descoñecido. San Froilán nin comeu polbo, nin se subiu ao saltón, nin escoitou un concerto de sons estridentes, nin sequera paseou polas rúas de Lugo ateigado de miles de persoas.

San Froilán configurou a súa vida con Cristo, tratou de reflectir a súa luz, para que iluminase aos que necesitaban escoitar unha palabra que dese sentido ás súas vidas, no medio de tanta escuridade.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: