Mans Unidas organiza un coloquio sobre África

Lugo é unha das oito cidades de España nas que se informa sobre a situación de África durante estas semanas por medio dunha mesa redonda.

Trala benvida de Amalia Hermida, comezou o representante local de Redes, Rafael Veiga, explicando que durante o cuatrienio 2009-2012 desenvólvese unha campaña de sensibilización sobre os aspectos positivos de África e ao mesmo tempo sobre o difícil cumprimento do dereito aos servizos sociais básicos na área subsahariana.

A continuación, Sylvain Nsala, Papy, (estudante), enumerou os factores que posibilitarán que África saia adiante:

  1. a mocidade, forza física viva do continente;

  2. os intelectuais revolucionarios, que dan voz ao pobo e axudan a que este faga unha reflexión realista que oriente cara a un futuro mellor;

  3. o espírito africano: serenidade, amabilidade, hospitalidade, forza;

  4. a riqueza natural: moitas materias primas. Tamén hai unha pequena industria.

Aman Degefu (secretario da Oficina de Desenvolvemento da Igrexa Católica en Addis Abeba) explicou as causas e consecuencias de que Etiopía só aproveite o 3% dos seus recursos hidrolóxicos.

Causas: falta de capacidade técnica e financeira, falta de políticas sectoriais, falta dunha educación que faga ver ás comunidades rurais a importância de solucionar a cuestión.

Consecuencias: a saúde e a economía non van tan ben como deberan; e incluso vese afectada a dignidade persoal.

Alpódia André Manhique, (profesora de filosofía), dixo que no seu país, Mozambique, a educación aínda pode mellorar máis do que veu facendo ultimamente. Para iso cómpre convencer a toda a poboación de que a muller ten dereito à educación e tamén sería bo evitarlle ao alumnado as longas distancias que hai ata a súa escola, que non sempre dispón de aulas.

Mbuyi Kabunda (profesor da Universidade de Basilea) pediu ás ONG (sobre todo francesas e inglesas) máis coordenación, profesionalidade, autoavaliación, independencia dos estados e que teñan en conta a contraparte. E a un maior nivel, avogou por solucións estruturais: institucións africanas fortes, creación inmediata dos Estados Unidos de África, reconstrución posbélica.

O Bispo de Lugo comentou que era importante a solidariedade e a educación do pobo para que sexa quen de afrontar as súas necesidades.

Durante o coloquio tratáronse varios temas: expansión do islam, de China e o importante labor dos misioneiros.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: