Mércores de Cinza: “o día da resaca”

Unha vez máis acudo á linguaxe figurada para falar das cousas de Deus e tamén das humanas.

Hoxe atrévome a dicir que o Mércores de Cinza é o día da resaca, é dicir, o día necesario para sufrir as inevitables consecuencias dos nosos excesos, que influíron en nós ao longo de todo o ano, aos que lles poñemos como broche de ouro o Martes do Entroido.

O Mércores de Cinza é cando vemos claro o que somos de verdade e que a maioría das cousas, nas que puxemos toda a nosa ilusión e todo o noso empeño, ao final non valen nada se nos falta o principal.

Hoxe o Deus de Xesucristo pon ante os nosos ollos a imaxe clara da nosa orixe e o noso final e do que somos capaces de conseguir só co noso esforzo: un puñado de cinza.

No Mércores de Cinza descubrimos que nós, por moitas veces que o digamos e por moito que nolo creamos, non somos nada sen El.

Hoxe é un día para facer un exame de conciencia profundo: «De que lle servirá ao home gañar o mundo enteiro se arruína a súa vida?» (Mt 21, 26). De todo o que fixemos, dixemos, pensamos desde hai un ano, canto vale a pena de verdade? canto aproveitamos para facer que a nosa vida se pareza máis á de Xesucristo? canto ten garantía de eternidade? serviron de algo tantas présas e tantas cousas?

Lembrade que hoxe é día de xaxún e abstinencia e que todos os venres de Coresma son días de abstinencia. Non creo que un pequeno sacrificio por Deus (case é o único que lle podemos ofrecer) nos faga dano.

Hoxe é un día gris, como a cinza que se nos imporá na fronte, pero é un día necesario para decatarnos do que vale de verdade e que o importante non é facer as cousas para que as vexan os demais, senón para que sexan dignas do que pode ver «no secreto» e «no agochado», o noso Pai do ceo.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: