Miguel Ángel Álvarez: A Evangelii gaudium vai dar moito que falar

O pasado 24 de novembro o Papa Francisco publicaba a exhortación apostólica Evangelii gaudium, a alegría do Evanxeo, documento que imos comentar.

Nas primeiras liñas da exhortación, o Papa dinos cal é o obxectivo da mesma: convidar os cristiáns a unha nova etapa envaxelizadora marcada pola alegría e indicar camiños para a marcha da Igrexa nos próximos anos.

Trátase, por tanto, dun texto que, despois de lelo, non deberiamos gardalo nun andel para sempre, senón que teremos que usalo con frecuencia durante os próximos anos, se é que nos tomamos en serio a nova evanxelización.

Xa estamos un pouco afeitos ao novo estilo e linguaxe deste Papa. Na Evangelii gaudium, Francisco recolle os ensinos dos seus predecesores, sobre todo de Benedito XVI, e ponnos as pilas, en todos os sentidos desta expresión, para saír ao mundo a comunicar a alegría do Evanxeo.

Desde hai 2000 anos temos nas nosas mans a Boa Noticia que nos trae Xesucristo e non se pode permitir que ninguén, no mundo actual, quede sen coñecer unha noticia tan extraordinaria como esta.

Ninguén queda á marxe desta tarefa evanxelizadora. Na exhortación hai palabras dirixidas a bispos, sacerdotes, catequistas, voluntarios de Cáritas, e, en definitiva, a calquera bautizado.

Despois de falarnos da importancia do cambio de mentalidade dos católicos, e dunha análise da situación do mundo e da Igrexa actual, xa veñen as indicacións concretas de como levar adiante a nova evanxelización. Así, trátanse temas como a piedade popular, a homilía, a catequese, e, moi amplamente, a dimensión social do anuncio e vivencia do Evanxeo.

O que temos entre mans é algo moi serio, pero tamén moi alegre. Sabernos posuidores da mellor das noticias tennos que facer vivir con profunda alegría, e comunicala aos demais.

A Evangelii gaudium vai dar moito que falar. É necesario e urxente facer algo novo, e este é o primeiro paso. Como sempre, convido a lela. Merece a pena. Vivir alegres non ten prezo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: