Mozos, amor e violencia

51 mulleres adolescentes e mozas foron asasinadas polas súas parellas entre 1999 e 2017, sendo moitos dos seus asasinos menores de 20 anos. Mortes violentas no contexto de relacións “amorosas”. Si, os mozos aman, e os mozos cometen actos violentos. E poida que tamén lles ocorra, como aos adultos, que chamen amor a cousas que non o son. A chamada violencia de xénero non é un fenómeno transitorio e puntual, senón que en xeral vaise tecendo nunha relación violenta que dura no tempo, vai encerrando á vítima nunha  tearaña que busca dominar, impoñer, posuír. Debemos traballar en previr, combatendo todas aquelas crenzas, condutas e actitudes que están na raíz desta violencia.

O contrario de amar é POSUÍR. Quen ama respecta ao outro, quéreo libre, ao máximo das súas posibilidades, e iso supón que o outro chega onde eu non chego, ama, vive, sente e crece máis aló de min, eu non abrango todo o seu mundo. Posuír ao outro convérteo en obxecto. É querer ao outro como o que quere unha peza de roupa, unha cervexa, unha cousa. Nas relacións dos mozos (igual que nas parellas adultas) hai violencia sempre que o outro é utilizado. Para o meu pracer, para pasar un intre, para entreterme mentres non atopo parella ou mentres a miña parella está lonxe, para dar celos á miña  exparella… Unha forma máis de posuír: 6 de cada 10 adolescentes vítimas de violencia de xénero sofren acoso a través do teléfono móbil e as redes sociais. Un 50 % non é consciente de que está a sufrir violencia.

A superficialidade tamén dana. A violencia en ocasións orixínase ao actuar sen poñer todas as nosas capacidades en xogo. Sen pensar, sen sentir, sen escoitar… Sempre que non pensamos no ben e a felicidade do outro, sempre que non poñemos as cartas sobre a mesa do que buscamos e desexamos para o futuro, sempre que nos deixamos levar polo “apetéceme”, existe un enorme risco de usar ao outro. E por tanto de danalo, danar a relación e danarnos a nós mesmos, porque as persoas somos suxeito, nunca obxecto.

O “apetéceme” non é máis que unha parte da nosa experiencia vital. Ás veces é contrario ao noso verdadeiro desexo e róubanos a liberdade. Por exemplo, podo desexar unha relación de parella con respecto, xenerosidade e alegría, pero o “apetéceme” lánzame a protestar por cada contrariedade, a poñer por diante os meus gustos… para cargarme en definitiva o “nós”.

Ningunha agresión que suframos ou fagamos impídenos decidir un camiño diferente de amar en liberdade, de forma xenerosa e non violenta. O sufrimento e o erro poden ser fontes de aprendizaxe, que ademais nos ensinan a ser máis humildes, a coñecernos mellor a nós mesmos e ser máis comprensivos con outros.

Para isto necesitamos pararnos e ver se os nosos actos conteñen ou consenten a violencia. A violencia non rima co amor.

Cristina  Bandín, Psicóloga. Centro Diocesano de Orientación Familiar.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: