“Nada acaba en nada”. Accidente de avión nos Alpes

Cando escoito en televisión os motivos do accidente de avión dos Alpes, simplemente quédome de pedra. Algo incrible. Un queda sen palabras. O copiloto, de xeito intencionado, decide estrelar o avión e acabar coa súa vida e a de 149 persoas máis.

Isto amplía a gravidade dos feitos. Sabemos que as máquinas poden fallar, pero nunca esperamos que as persoas fallen deste xeito tan brutal.

Agora estamos todos alarmados, pero non é a primeira vez que suceden cousas así. Na última década repítense con frecuencia este tipo de actos suicidas que se levan por diante moitas vidas inocentes.

Que está pasando no mundo? Por que tanta falta de sentido na vida dalgunhas -ou quizais moitas- persoas? Onde imos chegar? Moitas preguntas. É inconcibible que, en pleno século XXI e con tantas cousas e tantos avances, haxa tantas persoas con ideas suicidas e violentas como estamos vendo a diario.

E volvemos sempre ao mesmo. Está claro que cada vez o mundo necesita máis da presenza de Deus. É urxente que lle deixemos a Deus poñer orde na vida das persoas e do mundo.

Termino coa parte final do comunicado da cadea Cope, con motivo deste fatídico, e agora monstruoso, accidente.

«Hai sen dúbida sucesos que nos resultan incomprensibles. Pero todos temos experiencias sinxelas e radicais dunha positividade que quere impoñerse ata máis aló da morte. O mesmo feito de que existamos é consecuencia de ser queridos. Na nosa tradición hai un anuncio que se repite insistentemente desde fai 2000 anos: houbo Un que resucitou para que nada acabe na nada»

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: