Non é unha pantasma

E eu que cría que iso das pantasmas era algo relativamente recente, de hai pouco máis de medio século e creado pola ciencia ficción… Pois vai ser que non! Nos evanxeos coméntasenos algunha vez que confundiron a Xesucristo cunha pantasma. Pódenos parecer estraño, pero así é. Lede o evanxeo do próximo domingo e comprobarédelo.

Non é estraño que a nosa infinita imaxinación lévenos a unha comprensión das cousas de Deus dunha forma estraña e imposible. Con moita frecuencia canto máis «rara» é unha manifestación, que alguén di que é de Deus, crémola máis doadamente. O misterio ás veces prodúcenos demasiado morbo, e cremos antes nun Deus pantasma e raro que nun Deus revelado plenamente en Xesucristo e que fala a mesma linguaxe ca nós.

Que verían aqueles pobres homes no medio do lago para pensar desta forma tan confusa? Seguramente viron algo tan extraordinario que creron estar fóra do mundo, pois aquí non poden pasar estas cousas.

E é que Deus fai cousas extraordinarias. Se fixese o mesmo que nós non tería ningún interese. Pero o importante non é que camiñe sobre as augas. Iso é só algo espectacular.

O importante de verdade é o que di e o que nos fai sentir: «Ánimo, son eu, non teñades medo!». A fe non permite que nos afundamos nas escuridades e tempestades da nosa vida. A fe fainos valentes cando nos envolven os medos. Sabernos nas mans de Deus, que o pode todo, fai que vivamos con moita tranquilidade aínda que o ambiente estea, ás veces, demasiado revolto.

Lembro agora un canto que entonamos moitas veces na parroquia ao final dos funerais, cando iniciamos o camiño de levar o féretro ao cemiterio: En los brazos de Dios te dejamos (pinchar para escoitar). Son os mellores brazos, sobre todo, cando os nosos xa non poden facer nada por nós nin polos demais.

Para rematar, tamén unha lectura eclesial deste Evanxeo. «A barca de Pedro» é a Igrexa, ás veces axitada pola brisa tempestuosa deste mundo e os ventos que corren. Tamén a Igrexa terá que virarse a miúdo cara a aquel que a salva de todos os seus medos, e que é Espírito vivo e presente que a asiste.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: