O Espiritu Santo, Corazón de Deus

Hai verdades cuxo contido non podemos coñecer sen que se nos revele, e aínda revelado non podemos comprender nin explicar. Un destes problemas é a obra do Espírito Santo nas nosas almas. A única maneira de percibir o dinamismo do Espírito en nós, é estudándoo a través dos seus dons e dos seus froitos.

Para facernos comprender en que consiste o don do Espírito, a Escritura Santa, máis que explicarnos conceptos, convídanos a mirar o comportamento de Xesús co seu Pai e connosco.

A revelación, máis que falarnos de ideas, danos exemplaridades, para que as imitemos; e esperta en nós o interese por saborear a sublimidade das cousas sobrenaturais, mirándoas cos ollos do corazón. Así o fixo o Señor. Terminada a obra da creación, mirou todo o que fixera, e exclamou: “Todo é bo, e o home é moi bo”. Esta contemplación do ben que Deus fixera, debe suscitar en nós sentimentos de admiración e gratitude, e estimularnos a protexelos e, na medida que de nós depende, facer que todo o que Deus fixo, creza cuantitativa e cualitativamente. Este foi o encargo que nos fixo o Creador: “Crecede e multiplicádevos…” E para que podamos levalo a bo termo, fíxonos o prezado agasallo da ciencia. Isto non nos prohibe coidar o temor de Deus, que nunca debemos identificar co medo ao mesmo Deus. O medo implica sospeita de presenza de perigo no outro; cousa que xamais é posible pensar de Deus, infinitamente bo e benfeitor.

O que si cabe é o “temor” pola nosa banda, froito do recoñecemento de non saber corresponder aos dons do Señor.

O medo afasta do perigo, en previsión de evitalo. O temor estimula o interese da propia superación para corresponder ao ben recibido. Os dons estimulan a superación para evitar o temor, e axúdannos a tomar conciencia de que estamos en débeda co Señor, e de que saldar débedas é un deber de conciencia, que non debemos esquecer.

Para estimular o cumprimento das nosas obrigacións, Deus rodéanos dun cúmulo de beneficios, chamados dons do Espírito Santo, que crean en nós unha actitude proclive a corresponder a tantos favores recibidos, recoñecéndoos e correspondéndoos cun comportamento grato ao Señor. Este comportamento propio dun bo cristián é o froito do Espírito Santo, regalado do alto, pero está condicionado polas nosas limitacións humanas, como o están as espigas do trigal, pola calidade da terra en que foron sementados os grans e polo clima que acompañou ao gran desde a súa sementa até a súa sazón. Estes condicionantes non os pode esquecer o agricultor, responsable do froito do mañá. Se del dependese o clima, todo o inverno sería primavera, o froito estaría asegurado, e o pan garantido, pero o clima non depende da man do sementador. Da súa man si que depende o fertilizado do campo, o cultivo da terra, a eliminación das alimañas e de todo o que poida entorpecer o normal crecemento da semente.

O sol é indispensable para que o campo produza froito, pero a responsabilidade do hortelán condiciona a abundancia da colleita.

Non botemos balóns fóra: tiremos a porta.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: