Oficios de Semana Santa por internet e televisión

Desde hai bastantes días xa empezamos a sospeitar que este ano a Semana Santa sería moi distinta. Primeiro canceláronse as procesións e aos poucos días todo tipo de celebracións con participación dos fieis.

Os católicos que habitualmente asistimos ás celebracións litúrxicas botamos en falta, xa non só participar plenamente da Eucaristía, senón tamén o encontro cos nosos irmáns da comunidade parroquial ao redor de Xesucristo que nos convoca e congrega.

Nestas circunstancias tan especiais tamén estamos chamados a vivir e celebrar a fe doutro xeito, pero sabendo que é a mesma fe de sempre: a fe en Xesucristo morto e resucitado.

Este ano teremos que botar man dos medios de comunicación (radio, tv, internet, redes sociais…) para que nos axuden a celebrar a Semana Santa e non sentirnos tan sós á hora de vivir o misterio central da nosa fe. Posiblemente moitos xa o estades a facer estes días, tal como o indican os datos de audiencia das múltiples emisións relixiosas que se fan.

A continuación ofrézovos algunhas indicacións recollidas de distintas páxinas de internet que nos poden axudar:

– Reúne á familia para que participen xuntos.

– Lembra que é mellor ver transmisións en directo que en diferido, para que sexas participante e non só espectador. Nos distinto medios pódense atopar gran variedade de horarios.

– Prepara un lugar especial. Se a ves por internet, coloca o ordenador ou o móbil nun lugar que todos poidan ver, e despexa a área ao redor, que non haxa cousas que nos despisten. Lembra que vas celebrar o Sacramento da Presenza do Señor, dálle un espazo digno.

– Crea un ambiente reverente. Se podes, convén acender unha vela. Trátase de cambiar o ambiente da casa, que se perciba que non se trata só de ver algo na tele ou no ordenador, senón de crear un ambiente de devoción e recollemento.

– Coloca cadeiras ou bancos. É preferible que quen participen senten en cadeiras ou bancos, a menos que se trate de enfermos encamados. Cadeiras e bancos favorecen manter unha postura máis respectuosa; nunha cadeira de brazos a xente tende a recostarse.

– Chega a tempo. Procura acender o computador ou a televisión con polo menos cinco minutos de anticipación, e aproveita para estar nunha boa disposición espiritual.

– Dá grazas a Deus por ter a oportunidade de participar nestas celebracións litúrxicas e pide por todos os que quererían facelo e non poden.

Quizais todas estas indicacións poden resumirse nunha: participa desde casa coa mesma actitude que o farías nunha igrexa. Non podemos esquecer que «o noso público é Deus», por iso, aínda que estea só ante a pantalla, sempre estarei na presenza de Deus.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto en castelán]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: