Os días pequenos de outono e «o Sol que nace do alto»

Cada estación do ano ten a súa peculiaridade. Os días cada vez máis pequenos do outono condicionan o noso ánimo, que tamén ten algunhas consecuencias na forma de vivir e celebrar a fe e nas actividades das parroquias.

Por exemplo, en parroquias nas que hai bastantes funerais (na Fonsagrada desde novembro do 2020 xa van máis de 100), ás veces temos problemas para fixar a hora, porque ás 6 da tarde xa case é de noite. Ou a misa da tarde que a temos ás 7, para algunhas persoas maiores xa lles resulta un pouco difícil asistir, porque xa saímos totalmente de noite e fai frío e moitas veces chove abondo.

Persoalmente non levo ben tanta escuridade, gústanme os días grandes e a luz do sol. Non en balde, os cristiáns guiámonos polo «Sol que nace do alto», Xesucristo que venceu á morte na escuridade do sepulcro e apareceuse resucitado e luminoso ao clarexar do primeiro día da semana.

Non estamos feitos para a morte e a escuridade. Estamos chamados á vida, e a unha vida iluminada en todos os seus actos e momentos por Xesucristo.

Aínda así, «a noite é tempo de salvación», como di un dos himnos da Liturxia das Horas. O tempo de outono e inverno tamén ten as súas oportunidades para crecer na vida de fe. A sobriedade e o silencio dos días curtos e as noites grandes son tamén unha ocasión para profundar no coñecemento de Xesucristo e a súa Igrexa. Temos por diante un tempo «escuro» pero que afrontamos coa certeza da gran luz da Pascua e que comezaremos a albiscar co nacemento de Xesucristo no Nadal.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo original]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: