Os tres ‘ces’: “Carnaval”, Cinza e Coresma

Aínda faltan oito días para o Mércores de Cinza, co que comeza a Coresma, pero necesitamos ir mentalizándonos para afrontar este tempo como o que é: unha oportunidade para a santidade.

Na próxima semana conflúen os tres “ces” que enunciaba no título.

O “Carnaval”, o Entroido, que, aínda que xa totalmente desvirtuado, tamén ten relación coa Coresma. Tanta que, como ben sabemos, a súa data vén determinada pola Pascua. E non só a data, tamén o seu sentido. O Entroido na súa orixe era unha festa que se facía antes de empezar un tempo penitencial e de austeridade como é a Coresma. Agora as cousas son distintas e do seu sentido orixinal só queda a data.

O Mércores de Cinza é o primeiro día da Coresma. O seu nome dio todo. Comezamos coa imposición da cinza sobre as nosas frontes coa invitación à conversión e co recordo daquilo que nos convertemos se alguén non pon remedio à nosa morte.

O termo Coresma tamén fala por si só, sobre todo despois de pasar polo Entroido e a Cinza. Corenta días para pór en orde a nosa persoa (corpo e alma) e para facer limpeza interior para ir collendo a forma de Xesucristo.

O significado destes tres “ces” témolo claro, mesmo antes desta breve explicación. O difícil é conseguir chegar á Pascua cun punto máis de santidade que ao comezo da Coresma. Non é doado, acumulamos moito «sobrepeso» (un servidor tamén no sentido real) e o camiño fáisenos pesado, pero non nos podemos angustiar nin lamentarnos da dificultade, pois o camiño non o facemos sós, acompáñanos Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: