Paz a vosoutros

“Paz a vosoutros”. Con estas palabras saúda Xesucristo resucitado aos apóstolos cando se fai presente no medio deles. Son palabras que escoitamos con frecuencia durante o tempo pascual.

Fáltache paz? Non tes acougo? Tes demasiadas preocupacións? Non dormes nin descansas de noite? Considéraste bazofia? Estás canso de tanta discusión? Vives alterado? Non. Non che estou ofrecendo unhas píldoras máxicas. Simplemente vouche falar do Príncipe da Paz: Xesucristo.

Todo o mundo quere vivir en paz e a falta dela é unha preocupación grande. Pero a realidade é teimuda e vémonos rodeados de violencia por todas partes, moitas veces ata dentro de nós mesmos. Basta con ver as sesións dos distintos parlamentos, os debates nos medios de comunicación, as publicacións e comentarios nas redes sociais, os faladoiros en televisión e radio…

A falta de paz non só vén polas guerras feitas con armas, senón tamén polas que se fan coas palabras e os sentimentos. Se cadra as guerras entre países ou rexións veñen provocadas pola falta de paz interior de millóns e millóns de persoas, cuxo lugar foi ocupado pola ira e o xuízo sen clemencia cara aos demais. Por iso mesmo, hoxe en día seguimos necesitando que Xesucristo resucitado se faga presente no medio de nós un día si e outro tamén e transmítanos a súa paz, a paz de Deus, a auténtica, a de verdade, non só a de palabra.

A paz de Cristo resucitado é o mellor saúdo que podemos recibir dun Deus que o deu todo, ata a última pinga de sangue, pola nosa salvación. Xesucristo non vén só a salvar a nosa vida unha vez que morremos. Xesucristo xa quere que vivamos agora, esta vida, como resucitados, como persoas novas. Para iso, para vivir, para vivir nunha paz auténtica necesitamos a Cristo no medio das nosas comunidades parroquiais e no medio da sociedade. Fagamos a proba! Non temos nada que perder.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto orixinal]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: