Lourdes, un lugar onde atoparse con Xesucristo a través da súa Nai

Misa internacional en Lourdes

O 29 de xuño de 2015 partiron desde Lugo con dirección ao Santuario de Nosa Señora de Lourdes 12 autobuses para participar na 29ª peregrinación da Hospitalidade Diocesana de Lourdes da Diocese de Lugo.

Ata o 3 de xullo, máis de 600 persoas de todos os recunchos da Diocese de Lugo, teremos ocasión de atoparnos coa Virxe María nun ambiente de convivencia fraterna e oración.

Peregrinar a Lourdes é moito máis que unha viaxe cultural ou de pracer. Peregrinar, neste caso, é buscar un lugar e un tempo para atoparnos con Xesucristo a través da súa Nai.

Peregrinar é cultivar a nosa vida espiritual e en Lourdes pódese facer dun modo especial. Aquí, en Lourdes, todo fala de Deus e lévanos a El: o Viacrucis, a Adoración Eucarística, a Misa Internacional (imaxe superior) e na gruta, a Celebración Penitencial, o Santo Rosario, os cantos, a convivencia e o compartir cos irmáns.

Pódese orar desde calquera lugar. De feito o 99% da veces facémolo desde onde estamos habitualmente e rodeados do ambiente no que nos puxo o Señor. Iso é moi bo. Pero de cando en vez tamén convén saír para unha “posta a punto” máis profunda. Isto é o que busco nesta peregrinación.

Na páxina web do Santuario de Nosa Señora de Lourdes pódense ver en directo as distintas celebracións picando onde di “TV Lourdes – TV en directo”. Ademais, nesta páxina pódese ver toda a historia do Santuario e unha ampla selección de fotos e vídeos que vos achegarán desde a distancia a este lugar mariano.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: