Politicamente incorrecto

Políticamente incorrecto. Este é o argumento que se utiliza para non dicir aquilo que é verdade pero que non está de moda. Ante o perigo de que se nos cualifique de carcas, autoritarios, intolerantes, pechados, fascistas, tridentinos, cavernícolas ou cousas peores, preferimos dicir só o políticamente correcto ou calar.

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos é clara a este respecto. Vexamos o artigo 19:

Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado por mor das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión.

Tamén convén ver o anterior, o 18:

Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; este dereito inclúe a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifestar a súa relixión ou a súa crenza, individual e colectivamente, tanto en público como en privado, polo ensino, a práctica, o culto e a observancia.

Estamos ante Dereitos Universais, aceptados por todos, pero hai cousas que non se poden dicir en público, aínda que sexamos moitos os que as pensemos. 

Segue habendo temas tabú. Antes érao só o sexo e pouco máis. Agora hai moitos. Todo aquilo que cualificamos como políticamente incorrecto estase convertendo en tema tabú e tememos as súas consecuencias.

E o peor de todo é que un mesmo feito sexa encomiado ou condenado segundo quen o faga. A mesma distinción tamén se produce cando buscamos ao culpable dun suceso desgraciado. Todo é relativo, e todo depende, unha vez máis, do políticamente correcto.

Hai unha serie de temas sobre os que non se pode opinar sen que che condene a nova inquisición. Voume mollar un pouco. A ver se saio vivo…

Non se pode dicir que consideras ineficaz o 75% do traballo das ONG -incluída Cáritas-, en favor dos pobres e marxinados porque no Primeiro Mundo hai xente que optou por vivir así.

Non podes opinar sobre a homosexualidade, aínda que a maioría da poboación – incluídos tamén moitos homosexuais- teña unha opinión meridianamente clara dalgunhas desordes que se producen neste tema.

Non se pode defender que a educación dos nenos en casa e no colexio haxa que facela cunha lóxica rixidez, porque entón pódenche denunciar por malos tratos físicos ou psicolóxicos.

Non podes dicir que a relación de parella baséase moitas veces na renuncia e a entrega, porque entón dirán que es un machista e que onde quedan as liberdades conseguidas logo de tantos anos de loita.

Non podes dicir o que pensas do Samaín, o Halloween e o Arde Lucus porque dirán que es un paranoico, xa que non son máis que simples festas.

Podería seguir enumerando casos de todo tipo, pero por hoxe non quero ser máis políticamente incorrecto.

Ampárame a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aínda que visto o visto se cadra tampouco é políticamente correcta. Quizais sexa mellor seguir a Declaración dos Dereitos Humanos no Islam (Conferencia Islámica do Cairo, 1990). Pensareino.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

%d bloggers like this: