Por que cansamos?

José Manuel Estamos nuns días nos que aínda están tomando forma proxectos, desexos e ilusións que é común formularse cando empeza un ano novo ou cando emprendemos unha nova etapa na nosa vida.
Pero, desgraciadamente, tamén é moi común que abandonemos pronto as primeiras ideas que nos viñeron á cabeza, que as sigamos considerando como unha utopía e que cansemos. E entón, volta á rutina.
Cansamos porque perdemos a fe en nós mesmos, nas nosas potencialidades… e perdemos tamén a fe nos demais. Experiencias negativas, aínda que só fose nunha ocasión, convencéronnos de que non podemos esperar nada dos demais. E o fastío invádenos, porque cando un queda só… deixa de ser humano.
Cansamos de novo cando nos sorprenden os informativos con mortes froito da violencia. É inconcibible que se busque acabar coa vida doutras persoas en nome de Deus ou de Alá … e volvemos perder a fe na raza humana. «Alá é grande», pero nós somos moi pequenos se por vingar o seu nome matamos a 12 persoas. Claro que Deus é grande e por iso quere que nós o sexamos tamén. Creounos ao seu xeito.
No último domingo do tempo de Nadal, a liturxia da Igrexa quere que miremos para o bautismo do Señor. Pois miramos. Porque esta mirada pode axudarnos a coñecernos mellor. Hai moitas cousas na nosa vida que recibimos sen telas pedido, outras que as temos sen decatarnos, pero forman parte da nosa personalidade. Unha delas é o bautismo, unha realidade que nos capacita para transcender as realidades cotiás e axúdanos a superar os cansazos que nos abaten. Pero é imprescindible crelo así.
Existen máis potencialidades na nosa alma, no noso espírito que no noso corpo. Se recuperamos a fe en nós mesmos, a fe nos demais e a fe en Deus poida que consigamos facer cousas que nunca imaxinásemos poder facer… e non cansemos.
Un neno absorto na súa emoción, grita, corre, chora, non dorme, pero non  cansa porque sabe que o seu pai ou a súa nai poden darlle todo aquilo que necesita… entón descansa feliz. Unha situación parecida puidémola ver en torno a noite de Reis. A fe dos nenos si que move montañas. E sempre conseguen o que se propoñen.
Polo bautismo os cristiáns entramos a formar parte da Igrexa e recibimos xa en potencia as realidades futuras nas que cremos. Somos liberados do pecado que nos impide avanzar, que nos impide confiar nos demais e nas nosas potencialidades. Nacemos a unha nova realidade, unha nova dimensión na que si son posibles os proxectos ilusións e esperanzas que aniñan no noso corazón. Pero temos que crelo para que sexa realidade. Isto recórdame unha mensaxe que circula polas redes sociais: «Fíxoo porque ninguén lle dixo que era imposible». Que non lle quitemos a ilusión a ninguén.

José Manuel Castro Alba

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: