Relixión e saúde

Foto MarioUn estudo recente relacionado coa asistencia aos oficios relixiosos e a saúde, chamou a atención dos medios de comunicación social. En realidade, relixión e saúde sempre se levaron marabillosamente na historia da humanidade. Son numerosos os estudos que así o confirman. Que orar, meditar, celebrar, reunirse con outros, dar grazas, pedir, consolar, comunicarse, abrazarse, quererse, é bo, non debería ser unha noticia extraordinaria. E de todo isto faise nos oficios relixiosos. Se a iso engadimos o esencial, que é a relación coa divinidade, co que nos transcende, co Deus do Amor e da Paz, co misterio da Trindade (Misterio de amor mutuo) no caso do cristianismo, ese plus xera ademais sentido da vida e plenitude de esperanza. Certamente, os prexuízos dominantes en torno ao fenómeno relixioso, non son propicios para a comprensión dos valores que subxacen nas relixións. O estudo ao que me refiro, demostra que participar na Eucaristía e, polo tanto, asistir os domingos a Misa é bo para a saúde. E engádese: reduce o 33% o risco de morte por enfermidade cardiovascular ou cancro. Así o demostra o traballo publicado na revista Jama Internal Medicine. Segundo esta investigación, realizada por un grupo de científicos de Harvard Chan School of Public, aquelas persoas que asisten máis dunha vez á semana aos oficios relixiosos teñen un 33 por cento menos de risco de morrer por algunha enfermidade que aquelas que non o fan. É máis, as persoas que acoden á Igrexa unha vez á semana teñen un 27 por cento menos de risco de morrer por unha enfermidade cardiovascular e un 21 por cento menos de falecer a consecuencia dun cancro. E engádese que as persoas que asisten regularmente aos oficios relixiosos teñen menos síntomas de depresión e sofren menos ataques de ansiedade. Os científicos conclúen: “Os nosos resultados suxiren que pode haber algo importante detrás da relixión e a espiritualidade. Os beneficios de asistir aos servizos relixiosos parecen estar relacionados cun maior apoio social, menos consumo de tabaco e un menos risco de sufrir depresión, xa que estas persoas teñen unha perspectiva máis optimista e esperanzada da vida”.

A sabedoría popular en xeral e a retranca galega en particular sempre o entenderon así: “Ir a Misa mal non fai”. Pola contra, a Misa dominical, aínda que soamente sexa vista desde unha perspectiva humana, é motivo de encontro, espazo de sociabilidade, causa de descanso no traballo semanal, invitación ao lecer e á festa, encontro de fraternidade, fonte de saúde, de hixiene mental e física, de paz e reconciliación. En realidade, o fundamento da Eucaristía radica na celebración da historia dun Deus que quixo visitar a humanidade para entregar a súa vida por ela e redimila da desesperación e da morte eterna. Alí celébrase a fe no Resucitado.

 Procurar o ben ata chegar ao propio sacrificio constitúe unha das aventuras máis fermosas do ser humano. Teresa de Calcuta, Tomás Moro, o Padre Maximiliano Kolbe, Edith Stein e outros moitos cristiáns son un magnífico exemplo de seguimento de Cristo ata a morte. F. Dostoievsky deixou nas súas obras admirables arquetipos do desenvolvemento destas ideas. E é que a bondade constrúe para substituír sempre o mal polo ben. Pois, estimados lectores, a Misa imos e alí nos atoparemos.

Mario Vázquez Carballo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: