Sen compromiso non hai traballo decente

Mesa redonda sobre traballo das empregadas do fogar organizada por Igrexa polo Traballo Decente – Lugo

Nestes días pasados celebrouse a Xornada Mundial polo Traballo Decente, para poñer o foco de atención no traballo como dereito e actividade para o coidado das persoas, do ben común e do planeta.

Baixo o lema Sen compromiso non hai traballo decente, a Igrexa súmase a esta xornada, para celebrar e reivindicar que aínda hai millóns de persoas sen poder acceder a un posto de traballo digno. As condicións seguen sendo de carácter precario, especialmente para as mulleres e para a mocidade.

As organizacións que formamos parte da Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente en Lugo (Cáritas Diocesana, CONFER, HOAC, Fundación JuanSoñador e Taller de Solidariedade), acompañamos día a día a persoas que traballan no ámbito do emprego no fogar e os coidados, sendo testemuñas de como os seus dereitos máis fundamentais se ven mermados.

O compromiso colectivo levou a alcanzar logros como a recente ratificación do Convenio 189 da OIT (Organización Internacional do Traballo) que dignifica o emprego do fogar e os coidados, recoñecendo os mesmos dereitos laborais no réxime xeral ás empregadas de fogar, sendo un camiño que aínda hai que percorrer.

Sen homes e mulleres comprometidas, non será posible o traballo decente, o noso compromiso persoal, de quen son sensibles a estas situacións, son unha resposta necesaria. En referencia á carta pastoral publicada polo Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, con motivo desta Xornada “Pois levar adiante este compromiso vai esixir ser conscientes de nosa propia realidade (…). Na loita polo traballo decente cada persoa é benvida. Tamén o noso compromiso é necesario”.

Así mesmo, reivindicamos garantir o acceso a un traballo digno de medio millón de traballadoras e traballadores migrantes en situación administrativa irregular, sumándonos á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola plataforma #RegularizaciónYa, entendendo que é urxente unha regularización nos termos máis amplos posibles, independentemente dos avances na recente reforma do regulamento de estranxeiría.

Para finalizar, a iniciativa, urxe a analizar a proposta do papa Francisco de reducir a xornada laboral (sen baixada salarial) como medida de creación de traballo decente e a necesidade de atención ás causas que provocan a sinistralidade laboral, esta “traxedia tan estendida”, e que se busquen solucións. O traballo non é para a morte senón para a vida.

Sen dúbida avanzamos, pero seguiremos traballando día a día para que todas as persoas poidan acceder a un traballo digno.

Tania Cobas González

Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD)

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: