Sobre o ser, o silencio e a cidadanía

Narrar sobre o extraordinario adoita ter máis vantaxes que fixar a atención nos sucesos cotiáns e en personaxes que tampouco son seres do outro mundo. Cando isto escribo, fágoo nun contexto altamente ruidoso pola obrigación que me vén imposta desde o exterior, cheo de voces insoportables, tambores e decibelios pasados de medida. É un día normal. Pero adoita ser habitual: un día por unha manifestación (neste caso contra a chamada lei mordaza), outro por un concerto de rock, outro por un acto organizado por algunha das moitas institucións…, pero case sempre, o silencio da contorna da Catedral de Lugo e ata no seu interior viólase de xeito sistemático. Cidadáns, autoridades, o Cabido da Catedral, asociacións, etc. manifestamos o noso descontento por causa destes estrondos e ruídos que seguen atentando contra o Patrimonio material e inmaterial da humanidade en Lugo e contra a saúde espiritual, psíquica e corporal. A nosa Catedral é unha escola de silencio pola súa Exposición permanente do Santísimo e polos numerosos fieis que como peregrinos, orantes, penitentes ou turistas, acoden a ela cada día buscando a Cristo e/ou un espazo para a meditación, a paz interior e o silencio. Todos necesitamos do silencio e de silenciarios. O obreiro para descansar do seu traballo e reparar as súas forzas, o deportista que chega canso de sons que non quere escoitar, a autoridade que nos representa para madurar serenamente os seus plans de goberno, o pensador, o enfermo… e por suposto, para o orante que se sabe amante Deus, unha necesidade absoluta. Xa non hai silenciarios. Sen embargo é unha das grandes preocupacións cidadás este tipo de contaminación insana. Oxalá que o próximo goberno municipal constitúa unha concellalía de silenciarios. É que son moitos os riscos desta grave contaminación que esta construíndo xeracións de xordos físicos e espirituais e cómpre formar e informar á poboación dos seus perigos e consecuencias. E facelo co exemplo, evitando e acalando ese estrépito enxordecedor que produce o vertixinoso movemento da vida deste século con tantas voces impertinentes e tantos sons inarticulados e confusos que carecen de timbre e provocan suciedade, contendas e alborotos.

Aínda que é certo que ningunha cidade española está entre as dez máis ruidosas do mundo, si é verdade que a nosa sociedade está considerada entre as máis buliciosas. Os profesores en xeral queixámonos da incapacidade dos nosos nenos e novos para o silencio. E sen silencio, reflexión, esforzo e meditación non hai aprendizaxe. Recordo ler que os ríos máis profundos son sempre os máis silenciosos. Será por iso que, o verbo “profundar” en sentido figurado, segundo o dicionario, refírese a “meditar detidamente e examinar unha cousa para chegar ao seu perfecto coñecemento”. Nas miñas múltiples experiencias de encontros con mozos, en campamentos, xornadas de reflexión, retiros e exercicios espirituais, sempre me atopei coa ausencia de experiencias de silencio. De feito, o difícil non é estar en silencio, o difícil é querer educarse no silencio. Este, é unha arte que require esforzo e aprendizaxe. O filósofo e teólogo Pablo d´Ors, fundador da Asociación Amigos do Deserto, na súa obra Biografía del silencio (Siruela, Madrid 2018) suxire que é posible o acto da meditación para quen o desexa. E que abonda un ano de meditación perseverante, ou ata medio, para decatarse de que se pode vivir doutro xeito. A meditación na dimensión da espiritualidade cristiá faise oración que nos “con-centra”, devólvenos á casa propia e á Casa do Pai de onde nunca deberiamos saír; é escola de amor onde se aprende a convivir co noso propio ser e cos marxinados; insere a un, no fascinante proceso de rexuvenecemento, de rexeneración e renacemento. Escoitar en silencio á natureza, abrir o pensamento e a mente aos seus sons silenciosos, escoitar aos sabios e, desde a actitude orante cristiá, á Sabedoría de Deus expresada na súa Palabra bíblica, convértese en elocuencia que engrandece, que alenta e ennobrece.

Ai! Quen puidese hoxe recitar de verdade aqueles fermosos versos do noso Luís Pimentel dedicados á Cidade do Sacramento:

 

“Allí está en estos momentos

una hora solitaria

en remanso de silencio.

 

Na Catedral hai un rumor luído

unha memoria escura e indefensa

un silencio como de loito puro”.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: