O sábado 16 de abril, o Consello Diocesano da Adoracion Nocturna organiza un desprazamento a Zamora co fin de participar na Vixilia Nacional Conmemorativa dos 125 anos do falecemento do fundador D. Luis de Trelles. Os seus restos mortais repousan na Catedral da citada cidade. Esta Vixilia dará comezo ás 8 da tarde, pero antes, a partir das 18,30 horas, terá lugar no citado templo a Ofrenda Floral que vén celebrándose cada ano organizada pola activa Fundación de Trelles.
Adoración Nocturna
Venerable Luis de Trelles
- A Adoración Nocturna de España está de noraboa. O Papa Francisco promulgou o decreto polo que se recoñece ao seu fundador, D. Luis de Trelles, a vivencia heroica das virtudes. É a gran noticia esperada e pedida ao Señor desde fai tempo.
- Don Luís nace en Viveiro (1819). Con 14 anos comeza Dereito na Universidade de Santiago. Aos 19 anos é nomeado profesor de Dereito Civil. Trasládase á Coruña, onde exerce como avogado de pobres; aínda non existía a quenda de oficio. Nesta cidade ocupa diversos cargos: Goberno do Colexio de Avogados, traballa para o Ministerio de Facenda e o Colexio de Notarios, fiscal do xulgado de Artillería e Enxeñeiros… En 1852, trasládase a Madrid para desenvolver a súa faceta de político.
- Decepcionado, entrégase a unha intensa acción caritativa, tanto individual como colectiva. Así, de novo en Viveiro, funda as Conferencias de San Vicente de Paúl, en axuda aos pobres e marxinados.
- En 1863 contrae matrimonio. Home de xenerosidade exemplar, ao remate da III Guerra Carlista crea unha comisión para o intercambio de prisioneiros; pola súa entrega, é nomeado comisario xeral de Canxes (1873-76) conseguindo librar da morte ou do cautiverio a máis de 20.000 prisioneiros.
- En París coñece a Adoración Nocturna. Entusiasmado con render adoración ao Santísimo Sacramento, comeza en Madrid, con outros seis laicos, o 3 de novembro de 1877, a primeira noite de Adoración Nocturna de España. Desde entón, dedicarase totalmente ata a súa morte a promover, organizar e consolidar a obra. Funda La Lámpara del Santuario, primeira revista eucarística europea. Morre o 1 de xullo de 1891 en Zamora, en cuxa catedral repousan os seus restos. Agora a Igrexa concédelle a honra de ser considerado ‘venerable’.
- O camiño para que un cristián sexa elevado aos altares comeza co recoñecemento de vivir, en grao sumo e heroico, as virtudes cristiás. Para iso, o postulador da causa ha de presentar unha biografía do fiel, os seus escritos e unha lista de persoas que poidan testificar sobre a súa vida. Nese momento ao fiel chámaselle «servo de Deus».
- Finalizada esta fase redáctase un documento e envíase á Congregación para a Causa dos Santos. Alí elabórase un relatorio que se entrega á Comisión de Teólogos. Se emiten o seu voto favorable, entrégase aos cardeais e bispos da Comisión. Para rematar, se o seu voto é tamén favorable, preséntase ao Papa a proposta que, ao publicar o decreto, recoñece a vivencia heroica das virtudes e permite que o fiel reciba o título de `venerable’. O paso seguinte é a beatificación e, logo, a canonización, con culto en toda a Igrexa.
- Don Luís, avogado, xornalista, deputado, santo! Un exemplo de laico comprometido, no persoal e o social. Un adorador que nos estimula a amar, especialmente na noite, a quen tanto nos ama.
- Por Daniel García, Director Espiritual Diocesano da Adoración Nocturna e Párroco de Albeiros