Asociación eucarística “Adoradoras Presenciais”

Con motivo dunha celebración das Adoradoras Presenciais, a finais do ano pasado estiveron en Lugo o consiliario nacional P. Postigo e tamén Eugenia Kirkpatrick. Esta asociación eucarística ten as súas peculiaridades: unha devoción forte ao Sagrado Corazón de Xesús, á Virxe e un amor grande á Igrexa e ao Santo Padre. Outros trazos cóntaos Eugenia nas seguintes liñas.

– Fáganos unha presentación das Adoradoras Presenciais

– As Adoradoras Presenciais do Santísimo Sacramento forma parte da Rede Mundial de Oración do Papa (Apostolado da Oración). Trátase de intentar ser os xeonllos do Papa e facer presente diante do Señor a intención que o Santo Padre manda mensualmente a nivel mundial. Esa é a razón pola que nós só facemos adoración unha noite ao mes, que adicamos a rezar por esa intención, e no mes seguinte pola nova intención. Cada unha das 13 dioceses onde hai Adoradoras Presenciais marca o día de mes. En Lugo é o cuarto venres de mes.

– Como se desenvolve cada encontro mensual?

– Comézase co rezo de vésperas, Eucaristía ás 22:30 h, permanécese en silencio ata as 3 da madrugada, intre no que se volve rezar o oficio de lecturas e volvemos a estar en silencio. Ás 5:30 h da mañá rézase o Rosario, laudes e oracións polos sacerdotes, polas vocacións e a intención do mes. Conclúse ás 6:30 h Non sempre resulta doado pasar a noite pero enténdese se temos en conta o amor a Deus e á Igrexa. Ofrécese ese tempo .

– Fálenos de vivencias que teñen as adoradoras

– As persoas que se achegan por primeira vez van con expectativa, impresionadas, porque é un prato forte. A verdade é que unha noite ante o Señor enche de vitaminas espirituais, necesarias para vivir, e ao final da adoración a xente sae transformada e entusiasmada. É moi positivo ter ao Señor tan preto, que nos chame a facerlle compañía durante a noite.

[Páxina web]

Acto das Adoradoras Presenciais

A pasada fin de semana as Adoradoras Presenciais ao Santísimo Sacramento tiveron un acto no que se concederon medallas a varios membros da Asociación por levar un ano de compromiso. Tras unha Eucaristía na igrexa Santiago A Nova foi o acto de consagración e a entrega de medallas. Asistiron varias persoas responsables da Asociación a nivel nacional: Eugenia Kirkpatrick e o P. Ernesto Postigo SJ.

Aínda que coincide con outras asociacións eucarísticas que adoran ao Santísimo, é distinta a súa identidade: adoramos ao Señor cada mes unha noite enteira pedindo pola intención de oración do Papa para ese mes. Porque Adoradoras Presenciais forma parte da Rede Mundial de Oración do Papa. Ademais da espiritualidade propia das asociacións eucarísticas, hai outros matices: ten tamén unha devoción forte ao Sagrado Corazón de Xesús, á Virxe e un amor grande á Igrexa e ao Santo Padre”.

P. Ernesto Postigo SJ, membro do Consello Nacional da Rede Mundial de Oración do Papa (Apostolado da Oración).

[Web das Adoradoras Presenciais]

Sorprendido pola Adoración Eucarística

Unha das poucas cousas que fixen como párroco da Fonsagrada foi a Adoración Eucarística dos xoves despois da Misa. Desde que empezamos xa van 19 meses. Cada semana xuntámonos algo máis de 15 persoas para rezar ante o Santísimo Sacramento.
Creo que só o interrompemos nunhas 4 ocasións: unha pola neve e as outras por ocupacións miñas.
Desde hai 7 meses, o último xoves de cada mes, este tempo de adoración é un pouco máis prolongado e facémolo unidos á Adoración Nocturna Española.
Seguen pasando as semanas e cada xoves sígome sorprendendo de como os fieis aproveitan este tempo e como se van incorporando persoas novas. Moitos días descúbrome contemplando máis o rostro dos adoradores que a propia custodia, na que expoñemos ao Señor. Á xente non se lle fai longa a media hora de adoración, nin a hora do último xoves. Non se oe nin unha tose, ninguén sae antes de terminar e hai un silencio absoluto. A este tempo únese o do Santo Rosario e a Misa, polo que, como mínimo, estamos na igrexa dúas horas e cuarto.
Aquí cúmprese o de santa Teresa «só Deus basta». Ás veces preparo unha folla con algunha oración ou texto que lles poida axudar para a oración, pero apenas a utilizan durante este tempo. Abóndalles mirar ao Señor e deixarse mirar por El.   Sorprendido, digo. Pensei que ía ser cousa de poucos días, pero isto segue funcionando e non vai a menos. Cousas do Señor e proba da súa existencia.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

24 Horas para o Señor

Ás portas do IV Domingo de Coresma, os días 29 e 30 de marzo celebrarase a iniciativa “24 Horas para o Señor“, xornada marcada pola oración de adoración eucarística, a reflexión e a invitación á conversión persoal a través do sacramento da reconciliación.

O tema elixido polo Papa para este ano son as palabras que Xesús pronuncia ante a muller adúltera: “Tampouco eu te condeno” (Xn 8, 11). Neste día proponse contemplar a imaxe de Xesús, que a diferenza da multitude reunida para xulgar e condenar, ofrece a súa infinita Misericordia, como unha oportunidade para acoller a graza e unha nova vida.

A celebración desta Xornada é unha ocasión favorable para redescubrir o lugar central que na vida cristiá debe ter o sacramento da reconciliación.

A miña experiencia na Capela Universitaria

capilla universitaria

 O mércores pasado tiven a ocasión de asistir á Capela Universitaria e acompañar aos mozos que, cada semana, reúnense alí para celebrar a Eucaristía e facer un intre de oración persoal diante de Xesús Sacramentado. Facía tempo que tiña intención de ir, pero a última hora sempre aparecía algunha escusa que mo impedía e outras veces era a preguiza quen gañaba a batalla.

 Atopei o que me esperaba. Grazas ás redes sociais xa seguía as súas actividades e por iso sabía como respiraba este grupo de estudantes e outros amigos da Delegación de Mocidade. É verdade que faltaban moitos dos que van outros mércores, pero iso non restou intensidade a este encontro semanal. Nin que dicir ten que me sentín moi ben acollido. Onde hai cristiáns un séntese sempre en casa.

Sen présa e moitísimo recollemento celebramos a Santa Misa. Despois, como vos dicía, a Adoración Eucarística, que foi o que máis me impresionou. Todo ás escuras, só un foco aceso e alumando directamente ao Señor na custodia, e máis silencio e máis recollemento… Unha fina columna de fume de incenso que se elevaba cara ao ceo axudábanos a estar máis cerca do Amigo que nunca falla e que nunca aparta a súa mirada dos nosos ollos.

Sei que algúns membros da Capela Universitaria len estas liñas, o mesmo que o delegado de pastoral xuvenil e universitaria, José Antonio Adrio. Por iso, desde aquí animo a que sigan con esta obra que é unha gran riqueza para a cidade e para eles mesmos. Prometo acompañalos máis días, pois tamén necesito alimentarme da paz do Señor que alí se respira.

Aínda que se chama “universitaria”, todos os que o desexen poden asistir a esta oración comunitaria semanal. Está pensado para os mozos, pero tamén se acolle e agradécese a presenza dos que son “mozos de máis anos”: 30, 40, 50, 60… ata 100 e pico. A experiencia non defrauda.

Miguel Ángel Álvarez
Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: