Onde está o noso auxilio?

Desde hai uns anos discútese en moitos foros se estamos nun cambio de época máis que en época de cambios. A crise xeral provocada pola Covid-19 é vista por moitos como ese punto de inflexión que marca o fin dunha época e o comezo doutra. Supoño que é moi pronto para decidilo e que é necesario que pasen uns cuantos anos para ver que feito da historia recente leva o premio de ser a icona dese cambio de época.

Durante os primeiros días do estado de alarma aventureime a profetizar que esta situación ía adiantar en 5-10 anos o proceso de descristianización no que está Occidente desde fai xa bastante tempo. Algúns compañeiros dixéronme que esaxeraba aínda que estes mesmos despois déronme a razón cando volvemos á nova normalidade. Lamento non equivocarme.

Durante estes días xa se empezaron a oír máis voces dicindo isto mesmo, incluso as dalgún cardeal da Igrexa, como a do arcebispo de Luxemburgo, Mons. Hollerich, que sostén que a pandemia de coronavirus pode acelerar a secularización de Europa en 10 anos e que esta situación ten que ser unha oportunidade «que nos permita reorganizarnos mellor, para ser máis cristiáns» e deixar atrás un «cristianismo meramente cultural».

Moitos anos antes foi o coñecido teólogo Rhaner o que dixo «o cristián do futuro ou será un místico ou non será cristián». Xa daquela víase vir con toda claridade o cambio de época que se pode estar a producir neste tempo.

Está claro que un cristianismo meramente cultural só serve para falsear as estatísticas e crernos que todo estaba ben, porque as igrexas aínda se enchían con bastante frecuencia. Pero abonda un virus para que da noite á mañá as igrexas queden baleiras e, o peor, que case ninguén o lamente nin bote en falta os sacramentos nin un lugar no que alimentar a fe; nin sequera no momento de despedir aos seres queridos.

Gústame lembrar con frecuencia as palabras de Bieito XVI, na súa encíclica Deus caritas est, na que nos deixa esta rotunda afirmación: «Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá un novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva». Este é o futuro e por aquí é por onde temos que recomenzar. Todo o demais é un querer e non poder.

Custa pór o punto final a unha época. Custa pechar unha porta. Pero cando os balances son os que son é necesario facelo dunha vez e comezar de novo e de «cero», volvendo ás orixes para que a fe en Xesucristo sexa o que ten que ser e non unha cousa meramente cultural. Algo do que nos servimos cando non sabemos que facer cando o neno nace, faise adolescente ou cando hai que despedir ao pai ou ao avó.

Ante esta situación provocada polo coronavirus e os seus efectos colaterais na vida da Igrexa e dos cristiáns, só queda dicir como o salmista (123, 8a): «O noso auxilio é o nome do Señor, que fixo o ceo e a terra».

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]

Parece que se ve a luz ao final do túnel

É esta unha expresión moi socorrida nas situacións difíciles da vida e que tamén estamos a usar moito para este tempo, doloroso e incerto, que provocou o coronavirus. Neste caso todos descoñeciamos a lonxitude do «túnel» e iso é o que nos provocaba unha angustia case maior que a enfermidade en si.

Agora parece que se ve algo de luz, pero a nosa confianza está moi ferida, polo que, polo menos eu, recibimos estas noticias sen facernos demasiadas ilusións polo medo a ter que dar un paso atrás.

Todos somos conscientes de que xa nada vai ser igual, aínda que consigamos erradicar o virus. Van cambiar moitas cousas nos costumes sociais das persoas e tamén na forma organizativa da Igrexa e á hora de vivir e celebrar a fe, os sacramentos e as tradicións.

Durante estes meses vivimos cousas nunca vistas. Moitas delas chegaron para quedar e con outras a ver que pasa. Unhas para ben e outras para mal.

Respecto dunha das cousas que máis nos pode afectar na nosa vida de cristiáns é o tema dos funerais. Durante estes días tiven que asistir á inhumación de varios defuntos realizada na máis estrita intimidade familiar (3 persoas) e non vos podedes imaxinar a tristeza tan grande que se vive neses momentos xa dolorosos de seu e que ademais agora se ve aumentada pola soidade de non poder sentir a proximidade dos veciños e amigos, terrible! Nunca o puiden imaxinar.

Outros, pola contra, aproveitarán estas circunstancias para despedir aos seus xa sen misa nin nada… Antes, se cadra, facíano por convención social, pero agora, visto o visto, moitos se desfarán dos seus mortos deste xeito. Perdoádeme que fale así, pero tempo ao tempo.

O coronavirus acelerou un proceso que xa levaba tempo producíndose, por iso imos ver moitos cambios nos próximos tempos.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Original en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: