Camiño contemplativo O Acebo – A Fonsagrada

A Parroquia de Santa María de A Fonsagrada organiza o luns 29 de xullo un Camiño Contemplativo que ten como finalidade facer unha etapa do Camiño Primitivo dende a fe. Será unha maña de oración, meditación, contemplación e convivencia.

Saída: Ás 8 e media da mañá diante da igrexa. Vaise en coches ata o Bar Acebo.

Distancia: 12 km.

Programa:

– Diante do Bar Acebo: bendición dos peregrinos

– Igrexa de Fonfría: Adoración Eucarística-Oración persoal

– Capela de Silvela: Santo Rosario

– Capela de Paradanova: lectura do Evanxeo

– Igrexa de A Fonsagrada: Eucaristía

– Xantar: Se os que se apunten o desexan pódese organizar o xantar.

Camiño contemplativo

O 28 de xuño ás 18 h ten lugar o último dos Camiños contemplativos que veu organizando este curso a Delegación de Apostolado Segrar. Baixo o lema “Memoria agradecida. 350 anos de Ofrenda ao Santísimo” faise un tramo do Camiño Primitivo en sentido contrario: sáese da Ponte Romana, para estar na Capela do Carme ás 19h e ás 19:30 h na Catedral, onde se participará na Novena na honra ao Santisimo.

Camiño Contemplativo – Experiencia Coresmal

O venres 29 de marzo ten lugar o segundo Camiño Contemplativo deste curso, que propón a Delegación de Apostolado Segrar.

Nesta ocasión O Camiño Contemplativo – Experiencia Coresmal, o percorrido será de 18 a 20 horas ao redor da Muralla de Lugo. O punto de encontro será ante o Concello, na praza Maior. E proponse meditar sobre o seguinte: Construímos muros. Cales son os nosos medos?

Nesta experiencia de contemplación na realidade social da cidade de Lugo, trátase de deixarse mirar por Xesús, saber mirar o mundo desde os ollos do corazón, desde os ollos de Deus.

Camiño contemplativo

 O primeiro Camiño Contemplativo que organiza este curso a Delegación de Apostolado Segrar. Foi o 16 de novembro polo barrio de San Antonio (Lugo) ata o templo. Algúns dos comentarios que realizaron os asistentes tralo Camiño foron os que se reproducen a continuación:

 “Este camiño foi para min unha nova experiencia, un regalo, por todo o que descubrín e por todo o que compartimos. Só nos dixeron que intentásemos mirar a realidade que nos rodeaba cos ollos de Xesús. A calma e o silencio con que fixemos o camiño foi o que me  motivou para intentar observar en profundidade todo aquilo que fomos vendo ao pasar. Decateime de que todo iso provocaba en min sensacións moito máis intensas que calquera das moitas outras veces que pasaba polo mesmo sitio. Tamén me preguntaba como reaccionarían os meus compañeiros de camiño, que seguramente sería algo ben distinto”. Ángela

“Sempre me sorprende este modo distinto de facer oración e contemplación desde a vida. Nesta ocasión descubrín como temos que converter a mirada. Foi moi enriquecedor estar en grupo: sacerdotes, laicos de distintas parroquias, persoas que non coñeces pero estamos unidos no seguimento de Cristo”. Dulce María

“Resultoume moi significativo. Primeiro polo percorrido, pois facía tempo que non pasaba por aí. Atravesamos espazos cheos de vida, outros lugares que noutro tempo tamén estiveron cheos de vida pero agora están baleiros. Todo isto provocou que xurdisen sentimentos contraditorios. A parada na zona verde supuxo un encontro cos demais, coa contorna e comigo mesma. Sentín paz e unha interpelación sobre como é a miña mirada cara aos demais. Gustoume a sensación de sentirme acompañada por outras persoas nese mesmo camiño”. Lola

[Folleto utilizado]

O próximo Camiño Contemplativo será en febreiro de 2019.

 

A %d blogueros les gusta esto: