Admisión de dous seminaristas como candidatos a ser ordenados

Seminaristas en camiño cara ao presbiterado: Jesús Ángel González e Salomón Andrés Nakhal Akal, o vindeiro martes 31 de maio ás 19:30 h na Parroquia da Milagrosa serán bendicidos nunha cerimonia (“admissio ad ordines”) como candidatos ás ordes sagradas. A celebración estará presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco. Salomón e Jesús Ángel son venezolanos e estudan en Lugo no Seminario Redemptoris Mater.

Jesús Ángel e Salomón contan como naceu neles a vocación, a partir do minuto 3:14 no programa da TVG Polo camiño da fe

Inicio do curso do Seminario e da catequese

O pasado domingo 17 de setembro tivo lugar no Seminario a presentación do curso académico 2017-2018 que terá por lema E non temas o imposible

Este ano a proposta é que se dea un paso de confianza e que se mire ao presente e ao futuro con ollos de esperanza. Cansos dun mundo que sempre canta as peores accións, invítase a dicir que si a Deus, a asumir o reto que supón deixar a Deus actuar na vida de cada un, a aceptar que El pode facer posible o que a un lle parece imposible.

En fin, invítase a rezar, soñar, arriscar, non pechar portas, abrir a vida, saír ao mundo, ver aos máis pobres.

Pola súa parte, as delegacións de Catequese de Galicia elaboran o material para o curso catequético 2017 – 2018 nas parroquias. Trátase de vivir este labor pastoral no dinamismo e creatividade que requiren os tempos actuais. E tamén manterse en comuñón como catequistas. O lema deste curso é Parroquia, familia que inicia na fe.

 O 2 de outubro ás 19h no Seminario será o encontro de inicio de curso dos catequistas

[Materiais curso catequético 2017-18]

Seminaristas menores de toda España convivirán uns días en Lugo

Cada verán, a Comisión de Seminarios da Conferencia Episcopal Española organiza un encontro nacional de seminaristas menores de Bacharelato (1º e 2º de BAC). Trátase duns días de convivencia e actividades lúdicas, retiro espiritual, visitas culturais, formación… A finalidade é fortalecer o camiño dos seminaristas menores nestes cursos importantes do seu proceso formativo e vocacional. Ao mesmo tempo estréitanse os lazos de fraternidade e colaboración entre os seminarios e bríndase aos participantes o coñecemento dunha rexión de España. O encontro nacional de seminaristas de Bacharelato será este ano en Lugo do 9 ó 13 de xullo. No programa de actividades inclúense celebracións da Eucaristía, oracións, rutas pola Cidade do Sacramento, Ribeira Sacra, O Cebreiro e a costa da provincia. Soen participar uns 50 seminaristas menores de toda España.

Xornada de Portas Abertas do Seminario Menor

O sábado 29 de abril, de 11:30h a 13:30h, o Seminario Menor Diocesano celebra a II Xornada de Portas Abertas deste curso. Está dirixida ás familias e aos rapaces interesados no coñecemento do Seminario Menor, así como a calquera outra persoa desexosa de achegarse a esta realidade diocesana. Será un momento para dar a coñecer a proposta educativa, as instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria, alguhas das actividades e proxectos que se realizan ao longo do curso…

A Xornada comezará cun saúdo e presentación na Aula Magna (acceso dende o vestíbulo principal) e logo unha visita ás instalacións do Seminario Menor, con algunhas paradas en sitios puntuais para a explicación dalgunhas das actividades e dos ritmos de funcionamento do Centro. A asistencia é libre, e non é necesario confirmala previamente.

Con esta II Xornada de Porrtas Abertas -despois da I convocada para febreiro- o Seminario quere achegarse ás familias que están nesta época pensando no Centro de ensino para os seus fillos no próximo curso ou máis adiante no tempo, permitindo un coñecemento de primeira man do lugar e do proxecto educativo.

A reserva de praza no Seminario Menor está xa aberta, sendo posible informarse ou cumplimentar o impreso de reserva na Recepción do Seminario Diocesano (Av. Anxo López Pérez, s/n) de luns a venres de 08:30 a 14:00 h. e de 15:30 a 20:30 h.

[Máis información sobre a matrícula]

Portas Abertas do Seminario Menor para as familias

O sábado 4 de febreiro terá lugar a primeira das dúas xornadas de “Portas Abertas” deste curso, dirixidas ás familias ou outras persoas interesadas en coñecer de cerca o Seminario Menor, a súa proposta educativa, as súas instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria… Haberá unha primeira presentación e saúdo no Salón de actos e logo unha visita guiada ás instalacións, coa presentación dalgunhas actividades e proxectos que se realizan ao longo do ano. Finalizarase cun breve aperitivo que sirva tamén para o diálogo cos profesores presentes na xornada e para formular calquera pregunta.

Neste curso 2016-2017 o Seminario Menor iniciou o contacto con Be Education, unha realidade educativa impulsada e sostida polo colexio San Ignacio de Loyola (Torrelodones). Coas innovacións, cambios e ferramentas que se incorporen, contribuirase a unha mellor presentación da identidade e proposta como Seminario.

[O Seminario, onte e hoxe]

A %d blogueros les gusta esto: