Primeira tese de doutoramento monográfica sobre a Catedral de Lugo

Marcos Gerardo Calles Lombao

O día 23 de xuño, na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (U.S.C.), realízase o acto de defensa da tese de doutoramento “Promotores e artistas na Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo durante os séculos XVII e XVIII”. O autor desta investigación é o profesor do Seminario Diocesano de Lugo Marcos Gerardo Calles Lombao, sendo dirixida e titorizada esta tese pola catedrática en Historia da arte pola U.S.C. Ana Eulalia Goy Diz.

Esta investigación supón a primeira tese de doutoramento monográfica sobre a Catedral de Lugo e ten un marcado carácter documental, centrándose en dous arquivos: o Arquivo da Catedral de Lugo e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, presentando documentación inédita sobre esta igrexa central da Diocese de Lugo.

Debido á situación actual, a defensa da tese será en formato semipresencial. Pode seguirse por Internet

A porta norte da Catedral

Porta-Norte-Catedral-de-Lugo

Pasando hai uns días diante da Porta Norte, a Porta Románica, estaba un guía lucense explicándolles a uns visitantes a última Cea do pinxante a partir da novela de Dan Brown, O código Da Vinci. A min chamoume a atención por dúas razóns:

a) O propio Dan Brown recoñece que é unha obra de FICCIÓN, unha novela e, polo tanto, non é unha obra científica.

b) É de supoñer que os guías non son axentes comerciais de Dan Brown nin tampouco da editorial que o publica.

Este comentario sobre a Porta Románica non vai ser de tipo arquitectónico, nin escultórico – artístico, nin teolóxico, nin histórico… simplemente pretende ser un comentario socio-relixioso-político dentro dos límites deste breve artigo.

A Porta Norte é a da entrada máis frecuente do bispo da diocese e dos lucenses que o desexemos. Ao franquear esta porta recíbense varias leccións de comportamento social e de vida, das que vou salientar tres que me parecen suficientemente claras:

1ª. Todas as persoas sen distinción temos que render contas das nosas actuacións, das que imos ser examinadas porque hai un só Señor. A presenza do Pantocrátor lémbralle ó bispo e a todos os que por aí entremos que debemos obedecer e servir ao Señor. Cristo será o xuíz do seu e do noso comportamento e, por tanto, non podemos comportarnos coma os poderosos deste mundo (ver Lc. 22, 24-27).

2ª. O pinxante coa representación da última Cea dinos que todos somos iguais e que a ninguén lle debe faltar o sustento na súa mesa, por tanto, os Bens da Creación teñen que chegar a todos. Non é xusto que uns pasen fame e outros tiren comida como lembra a parábola do rico Epulón e o pobre Lázaro (Lc. 16, 19-31). Isto supón unha chamada permanente a vivir a solidariedade na sociedade, pois se non se vive así non se come propiamente a Cea do Señor (1ª Cor. 11, 17ss).

3ª. A entrada pola Porta Norte supón baixar 10 escalóns (1+4+5) como camiño para ser un pobo de iguais. A solidariedade vívese abaixándose a onde están os últimos e compartindo con eles a vida e a súa loita. Este descenso convértese nun chamamento a practicar a virtude da humildade, como di Xesús: «Non vos deixedes chamar Mestre… Pai.. . Señor…. pois todo o que se humilla será enxalzado e o que se enxalza será humillado» (Mt. 23, 8-12). Tamén o exemplo de Xesús no lavatorio dos pés aos seus discípulos (Xn. 13, 1-15)

En clave relixiosa esta porta ensínanos e comprométenos para que a Igrexa católica sexa o que o seu nome indica, unha asemblea universal, na que todos somos fillos dun mesmo Deus Pai e irmáns no Irmán Maior, Xesucristo, e alentados polo mesmo Espírito.

Ensínanos que os pobres teñen que ser os preferidos na nosa vida persoal e comunitaria e os camiños para facer isto realidade están claramente expresados.

En clave política estas tres leccións son fundamentais para a construción dunha sociedade xusta, igualitaria e solidaria, na que se entenda que a autoridade ten que ser un verdadeiro servizo público ao ben común. Nestas leccións exprésase un bo alicerce no que asentar unha sociedade verdadeiramente democrática, na que o pobo sexa o protagonista da historia, a fin de que a democracia sexa «o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo». As estruturas sociais teñen que estar ao servizo das persoas e especialmente dos últimos. Unha sociedade democrática que se prece non pode ter marxinados, excluídos, oprimidos…, pois isto nega a democracia para todos.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A nosa catedral

Catedral lucense

O día anterior á publicación da noticia sobre o recoñecemento da nosa catedral como Patrimonio da Humanidade, chamábame unha familia lucense desde unha provincia española para dicirme que estaban visitando unha catedral extraordinaria, e engadían: «A de Lugo comparada con esta, nada». Esa catedral á que eles se referían coñézoa e puiden celebrar nela en distintas ocasións. Tras un debate sobre o tema concluín, con dor e certa tristeza, o pouco que amamos o propio e canto sobrevaloramos o alleo.

Ao día seguinte da citada declaración sobre a nosa catedral, algunhas voces, afirmaban con desconfianza que o feito do recoñecemento aos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade non incluía necesariamente á nosa catedral.

O Bispado de Lugo, ante tales dúbidas, púxose en contacto coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e recibiu o seguinte informe: «A catedral de Lugo está incluída nominalmente e ten polo tanto consideración de Patrimonio da Humanidade. Isto vén ocasionado por ser monumento individual dentro da candidatura dos Camiños do Norte. Polo tanto consideramos que a catedral de Lugo vén de ser incluída na lista do Patrimonio Mundial da Unesco».

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: