Lugo é especial!

David Varela

Non o digo «por dicir» ou por afecto á propia cidade e Diocese. En Lugo temos que recoñecer que a festa do Corpus Christi é algo «especial». Non é o xeito de celebralo, o tipo de procesión ou os costumes propios, que son variados e fermosos en moitos lugares. Lugo é especial cando celebra o Corpus porque niso vaille a súa vida, a súa historia e a súa identidade máis profunda.
A festa do Corpus expresa o que o cristianismo é na súa raíz máis fonda. Cremos nunha Persoa viva, Xesucristo, non en ideas ou recordos máis ou menos felices dun lonxano pasado. No pasado, si, sucedeu algo incomparable: Deus fíxose home en Xesús. E xa nunca se foi. Unha vez resucitado, quedouse para sempre na súa igrexa e nas súas sacramentos, onde temos, non un símbolo, senón moi especialmente na Eucaristía a súa mesma Persoa. E así o pasado chega ata o presente. E xa que se trata dunha Persoa, e non do seu recordo, celebrámolo: segue entre nós vivo hoxe. Xa San Agostiño advertira do perigo de esquecer este núcleo central da fe: «Este é o horrible e oculto veleno do voso erro, que pretendedes facer consistir a graza de Cristo no seu exemplo, e non no don da súa Persoa».
O Corpus Christi naceu na Idade Media co desexo de afirmar o realismo da Presenza de Xesús na Eucaristía e, deste xeito, defender a fe na súa divinidade. Foi así para toda a Igrexa, pero o foi seguramente de modo moi singular, e ata anterior, en Lugo. Pérdese na noite dos tempos o inicio dun culto especial á Eucaristía na nosa terra e na nosa Catedral. A Igrexa lucense confesaba deste xeito a súa fe na Persoa e na Presenza de Xesucristo, Aquel no que Deus mesmo visitounos, amounos e deu a vida para que todos poidamos tela en plenitude.
Por iso, se é importante para todos, máis o é para Lugo celebrar esta festa, porque é volver sobre o corazón da fe, sobre as propias raíces e sobre as formas nas que xeración tras xeración viviuse o cristianismo na Diocese e Cidade do Sacramento. Pero no Corpus non celebramos sen máis as nosas raíces ou tradicións. Non eliximos nós esta manifestación relixiosa entre outras moitas. Celebramos o que recibimos: a compañía sacramental dun Deus-con-nós. Facemos festa co mellor que temos e somos para dicir que na Eucaristía que adoramos e procesionamos está o máis precioso da nosa vida. Está todo.
Fagamos caso a Santa Teresa: «Non vos pido máis que o miredes». Miremos así o Corpus e celebrémolo en Lugo con esta especial conciencia. Todo cambiará, e tamén nós farémonos «especiais». Porque non é o mesmo vivir de recordos que vivir de algo que está sucedendo agora. Por iso da Eucaristía mana como unha fonte todo o ben e toda a caridade da Igrexa. Axoenllados ante a súa Persoa aprendemos a estar de pé no medio do mundo. Contemplando a súa Presenza facémonos nós testemuñas dun amor sen fronteiras como o que Deus nos manifestou no seu Fillo.
David Varela Vázquez
Reitor do Seminario de Lugo

Lugo e o Corpus Christi

Desde a miña inxenuidade teño as miñas dúbidas sobre o que pasa en Lugo no mes de xuño. A conxunción de Arde Lucus e Corpus suscita algunhas sospeitas. Algo non cheira ben, e nunca mellor dito. Perdoade, pero recoñezo as miñas teimas con certos asuntos.
A Cidade do Sacramento dá a sensación de que se vai a quedar só nunha cidade común. Cambiar a Deus por nada non creo que sexa o mellor choio. Pasamos de telo todo, a quedarnos baleiros…
Vivimos nun mundo moderno, cuns avances científicos e tecnolóxicos sorprendentes, pero tamén cunha serie de problemas que non se corresponden co progreso alcanzado no último século. Non se comprenden, por tanto, os insultos, violencias, desconfianzas, mentiras, fraudes, corrupcións, divisións, envexas, guerras, mortes, moitas mortes de todo tipo… que temos que soportar todos os días.
Empeñámonos en botar fóra do quebracabezas a única peza que estivo desde o principio e que daba unha perfecta cohesión a todo o conxunto. Sen esta peza o construído por unha banda disólvese por outro… É como facer castelos de area, xa sabemos o que duran!
Un mundo que se parece a un coche de alta gama, pero que conducimos co freo de man posto e con grave perigo de incendiarse e quedar reducido a cinzas.
Celebrar o Corpus é desexar e recoñecer a presenza de Deus no mundo. Un Deus que se implica coas persoas até as últimas consecuencias, para que non quedemos reducidos a cinzas, senón que teñamos vida abundante e eterna.
Contemplar a Xesús Sacramentado na Custodia non é mirar para unha peza de museo ou unha reliquia. Prostrarnos diante de Xesús-Eucaristía é mirar ao mundo e a nós mesmos a través dos ollos de Deus, ao mesmo tempo que tamén nos sentimos mirados e queridos por El.
En Lugo temos por diante unha semana e pico para celebrar solemnemente a presenza real de Cristo na Eucaristía. Non  desaproveitemos esta oportunidade.

Na Catedral, onde está exposto permanentemente o Santísimo Sacramento, temos un faro que ilumina a toda a cidade. Non fai ruído, pero está. Non o vemos, porque nos enganan os sentidos, pero ninguén queda fóra da súa mirada infinita.

Pasamos del, pero El non pasa de nós. Menos mal!
As actividades que se organizan desde a Diocese e as parroquias axudarannos a celebrar e a recoñecer o valor deste “tesouro”.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: