O 30 de agosto celébrase a dedicación da Catedral de Lugo


“Dedicación” significa “consagración” dun lugar ou dun obxecto (sobre todo o altar) a un uso sacro. Chámase igrexa “Catedral”, porque alberga nela a cátedra, a sede do bispo, e por iso é a “igrexa nai” de todas as igrexas e capelas da Diocese.

A festa de hoxe convídanos a ser conscientes do importante que é a unión á Igrexa local, algo que se manifesta na unión co propio Bispo e a súa sede. Unímonos tamén ás xeracións de cristiáns que rezaron e celebraron nesta mesma igrexa catedral.

Esta celebración lémbranos, ante todo, a alegría que debemos sentir por pertencer ao pobo de Deus, ao edificio vivente da comunidade cristiá, sobre o fundamento de Cristo, pero, tamén, sobre a estrutura que el mesmo quixo: os apóstolos e os seus sucesores.

Se cada un é “pedra viva” nesta construción, dedúcese o compromiso e a corresponsabilidade de todos, cada un coa misión que recibise na comunidade, na construción da Igrexa e no cumprimento da súa tarefa no medio do mundo.

Celebrar a dedicación da propia Catedral é celebrar a unidade eclesial en torno ao Bispo e pastor, con toda a Igrexa, e con Cristo e o seu Espírito.

A %d blogueros les gusta esto: