Con motivo da celebración da Pascua coas familias, o Seminario diocesano organiza unha charla a cargo do profesor Gregorio Luri Medrano, co título “Eloxio das familias sensatamente imperfectas”. Será o 1 de maio, na aula magna do Seminario ás 11.30 h e está aberta á participación de todos os interesados.
Gregorio Luri Medrano é doutor en filosofía pola Universidade de Barcelona e licenciado en Ciencias da Educación.
Non se trata de alarmar senón de tomar conciencia de que o uso das novas tecnoloxías non é tan inocuo como pensabamos. Segundo o que a psicoloxía e as neurociencias van revelando, quizais non sexa tan boa idea regalar aos fillos un móbil ao facer a Primeira Comuñón nin deixar ao mozo que pase unhas cantas horas cos videoxogos ou a consola, nin sequera o uso exclusivo do ordenador para estudar.
En 2008 Gary Small, catedrático de Psiquiatría da UCLA e director do Centro de Memoria e Envellecemento, describiu con precisión que o uso diario de tecnoloxía informática afecta ao noso cerebro e ao seu rendemento, producindo efectos inesperados (perda de capacidade lectora, de memoria, sobrecarga cognitiva…)
Manfred Spitzer, director do Centro de Transferencia de Coñecementos para as Neurociencias e a Aprendizaxe en Alemaña, vai aínda máis lonxe e no seu libro Demencia Digital (cuxa lectura recomendamos vivamente) afirma: «Os ordenadores non fomentan a formación de nenos e adolescentes, senón que máis ben impídena ou, no mellor dos casos, non producen efecto algún…». Relaciona o uso de ordenadores co fracaso escolar. Fixémonos nun dos efectos máis patentes: a perda de capacidade lectora.
O Dr. Jakob Nielsen descubriu, tras realizar un estudo de seguimento ocular, que os usuarios de Internet non realizan unha lectura lineal, senón que “escanean” a pantalla. Os usuarios realizan unha “lectura en F”: Len as dúas primeiras liñas, e baixando pola esquerda volven deterse no centro. Despois abandonaban de novo a lectura lineal e baixan cara á parte inferior esquerda. Segundo as investigacións de Nielsen, as persoas realmente len menos do 20% do contido dunha páxina web.
Pola súa banda, a empresa israelí de software ClikTale, recolleu durante dous meses datos do comportamento dun millón de visitantes de páxinas web. Constatou que na maioría dos países os usuarios de Internet só pasan entre 19 e 27 segundos en cada web que visitan. Case nunca len unha páxina enteira. O uso da rede debilita a nosa capacidade de pensamento profundo e a capacidade de lectura.
Por iso, a proposta que facemos desde o Centro de Orientación Familiar aos nenos e mozos que acompañamos é a de combinar a lectura dixital coa lectura en papel, a lectura de libro, que permite manter a capacidade de razoamento e a capacidade de abstracción. Isto supón obrigar ao noso cerebro a realizar unha tarefa dificultosa, pero só esixindo esforzo podemos mellorar resultados e capacidades.
Xosé Manuel Domínguez Prieto. COF diocesano de Lugo.
O Seminario Diocesano de Lugo desenvolveu ao longo da terceira avaliación o proxecto educativo Emociónate!
Unha viaxe polas emocións desde as diferentes materias e na que participaron todos os alumnos do centro.
A expresión matemática das emocións mediante fórmulas e estatísticas, o estudo das hormonas e alimentos responsables das emocións, a súa expresión artística e literaria, foron algunhas das actividades levadas a cabo polos alumnos.
Como gran final, algúns integrantes da Banda Filarmónica de Lugo, ofreceron un concerto na Aula Magna do Seminario para que os alumnos descubrisen as emocións a través da música. Ao rematar, inauguraron a exposición onde están recollidos todos os traballos realizados e que se pode visitar ata o día 30 de xuño, chamando ao 982 220 100.
En Bacharelato descubriron o funcionamento do sistema nervioso e analizaron as funcións relacionadas co control das emocións. Realizaron a táboa periódica das emocións e estudaron as moléculas da felicidade: endorfina, dopamina, oxitocina e a serotonina.
Debuxaron en Educación Plástica as expresións das emocións, estudaron a morfoloxía craneal e os diferentes trazos faciais que transmiten as emocións da ira, alegría, tristeza, medo, amor, e a tolemia.
Rosalía de Castro serviu de guía para o estudo da tristeza nas clases de Literatura galega. Da man de Shakespeare escribiron poemas de amor. Coa lectura e reinterpretación do Quijote descubriron que todo sería bastante aburrido sen a tolemia. Non só leron os textos e identificaron as emocións que transmiten, senón que tamén aprenderon a expresalas.
Algúns integrantes da Banda Filarmónica de Lugo que actuou no Seminario