Impacto das novas tecnoloxías no cerebro e o comportamento dos nenos e mozos (I)

Xosé Manuel Domínguez

Non se trata de alarmar senón de tomar conciencia de que o uso das novas tecnoloxías non é tan inocuo como pensabamos. Segundo o que a psicoloxía e as neurociencias van revelando, quizais non sexa tan boa idea regalar aos fillos un móbil ao facer a Primeira Comuñón nin deixar ao mozo que pase unhas cantas horas cos videoxogos ou a consola, nin sequera o uso exclusivo do ordenador para estudar.

En 2008 Gary Small, catedrático de Psiquiatría da UCLA e director do Centro de Memoria e Envellecemento, describiu con precisión que o uso diario de tecnoloxía informática afecta ao noso cerebro e ao seu rendemento, producindo efectos inesperados (perda de capacidade lectora, de memoria, sobrecarga cognitiva…)

Manfred Spitzer, director do Centro de Transferencia de Coñecementos para as Neurociencias e a Aprendizaxe en Alemaña, vai aínda máis lonxe e no seu libro Demencia Digital (cuxa lectura recomendamos vivamente) afirma: «Os ordenadores non fomentan a formación de nenos e adolescentes, senón que máis ben impídena ou, no mellor dos casos, non producen efecto algún…». Relaciona o uso de ordenadores co fracaso escolar. Fixémonos nun dos efectos máis patentes: a perda de capacidade lectora.

O Dr. Jakob Nielsen descubriu, tras realizar un estudo de seguimento ocular, que os usuarios de Internet non realizan unha lectura lineal, senón que “escanean” a pantalla. Os usuarios realizan unha “lectura en F”: Len as dúas primeiras liñas, e baixando pola esquerda volven deterse no centro. Despois abandonaban de novo a lectura lineal e baixan cara á parte inferior esquerda. Segundo as investigacións de Nielsen, as persoas realmente len menos do 20% do contido dunha páxina web.

Pola súa banda, a empresa israelí de software ClikTale, recolleu durante dous meses datos do comportamento dun millón de visitantes de páxinas web. Constatou que na maioría dos países os usuarios de Internet só pasan entre 19 e 27 segundos en cada web que visitan. Case nunca len unha páxina enteira. O uso da rede debilita a nosa capacidade de pensamento profundo e a capacidade de lectura.

Por iso, a proposta que facemos desde o Centro de Orientación Familiar aos nenos e mozos que acompañamos é a de combinar a lectura dixital coa lectura en papel, a lectura de libro, que permite manter a capacidade de razoamento e a capacidade de abstracción. Isto supón obrigar ao noso cerebro a realizar unha tarefa dificultosa, pero só esixindo esforzo podemos mellorar resultados e capacidades.

Xosé Manuel Domínguez Prieto. COF diocesano de Lugo.

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

A %d blogueros les gusta esto: